A Praza do Concello acollerá o 11 de outubro a quinta edición de Bercamel, a feira do mel galego

Redacción

A praza do Concello de Carballo converterase o domingo 11 de outubro nun escaparate da apicultura galega coa celebración da quinta edición da Feira Bercamel. A cita, organizada pola Asociación Galega de Apicultura coa colaboración do Concello de Carballo, desenvolverase entre as 09.00 e as 14.00 horas, e convivirá coa nosa feira tradicional.

A feira permitirá achegarse ao mundo do mel e coñecer a variedade e a calidade dos produtos apícolas galegos. Ademais da exposición e venda de produtos, o programa inclúe dúas catas de meles galegos, que se celebrarán ás 11.00 e ás 12.45 horas.
Ao longo da mañá tamén se sortearán dous cestos compostos por produtos da propia feira. Os sorteos celebraranse ás 12.00 e ás 13.30 horas.

A quinta edición de Bercamel ofrecerá deste xeito unha nova oportunidade para poñer en valor o traballo das persoas apicultoras, promover o consumo de mel de proximidade e divulgar a importancia da apicultura para a conservación da biodiversidade.

Comparte este artigo