Tras celebrar a súa trixésima edición, as Merendiñas volveron falar de éxito, participación, festa e ledicia. Máis de 1.400 persoas maiores reuníronse no parque das Torres de Santa Cruz para festexar esta senlleira romaría de reencontro e celebración que ten como protagonistas a veciñas e veciños de máis idade, ás que unhas 100 persoas voluntarias lles serven a comida nas mesas.
Maniféstase así de novo a viveza da sociedade oleirense que participa con humor e decisión na organización da festa, na que persoas voluntarias ofrecen o seu traballo sen contraprestación económica, o que permite a implicación da veciñanza e prescindir de empresas organizadoras como os cáterings que se estilan noutros municipios.
As Merendiñas ofrece xantar de primeira atendido con cariño polas persoas colaboradoras, pero tamén música en directo, un repaso ás últimas novidades de cada zona e gozar dun día divertido e variado entre vellas amizades e outras que se fan novas.
Trinta anos dunha festa popular tan singular e agradable, creada por Esther Pita como concelleira de Servizos Sociais, que denotan a potente madurez que teñen este tipo de eventos sociais, de tan alta estima para as e os participantes, que mostran sempre a súa satisfacción e agradecemento ao voluntariado participante.

