O Concello e a Federación Galega de Atletismo avanzan cos preparativos de cara á proba. Tanto o percorrido como a apertura do prazo de inscricións anunciaranse proximamente
O Concello e a Federación Galega de Atletismo traballan estes días nos preparativos de cara á vixésima edición da Coruña10, que xa ten fixada a súa data de celebración no calendario deste ano: será o domingo 4 de outubro.
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe do próximo regreso da que é a carreira popular máis lonxeva de todas as que se disputan na cidade herculina. Desde o ano 2007, a C10 citou na Coruña a milleiros de deportistas na súa loita contra o crono. Entre eles, lendas e atletas de notable traxectoria como Alejandro Fernández e Solange Pereira, dous dos deportistas máis laureados no palmarés oficial da proba.
Na súa anterior edición, con Hafid Rizqy e Ester Navarrete como gañadores, a carreira popular dos dez quilómetros congregou a máis de 3.500 participantes, unha das cifras máis elevadas no histórico dun evento “que non só é sinónimo de prestixio para A Coruña pola súa visibilidade a escala nacional, senón que tamén nos permite darlles amplitude ás políticas municipais para promover o exercicio físico e os hábitos saudables”, indicou Rey, que tamén subliñou o impacto positivo que este tipo de eventos teñen sobre a cidade, tanto en termos de retorno económico como de potencial turístico.
O Concello e a Federación Galega de Atletismo anunciarán proximamente o percorrido homologado desta nova edición da C10, así como a apertura do prazo de inscricións.
A Volta a Oza do circuíto Coruña Corre, antesala da C10
A C10, que se disputará xa en outono, irá precedida da quinta carreira da tempada do circuíto Coruña Corre: a Volta a Oza que terá lugar o 13 de setembro.
Cun percorrido de algo máis de seis quilómetros e fixada a tres semanas de antelación sobre a C10, a Volta a Oza suporá unha primeira pedra de toque a modo de preparativos de cara á carreira dos dez quilómetros o 4 de outubro.
Nas catro citas de Coruña Corre xa celebradas este ano, o balance de participación andou arredor do milleiro de persoas participantes en todas elas ou mesmo as superou: Torre de Hércules (máis de 1.500), Matogrande – Xuxán – Sector 7 (máis de 1.000), San Pedro de Visma (máis de 1.000) e, xa a pasada fin de semana, Os Rosales (máis de 1.300).

