Abegondo convoca o Certame Letras Galegas 2026

Redacción

· O Concello busca potenciar o uso da lingua galega, e promover a literatura en galego, conmemorar o Día das Letras Galegas e homenaxear a figura de Begoña Caamaño.

· Este certame conta con diferentes categorías, incorpora distintas disciplinas e dispón de premios económicos.

· O prazo para presentar traballos remata o 15 de xuño.

O Concello de Abegondo convoca o Certame das Letras Galegas 2026 co fin de potenciar o uso da lingua galega e promover a literatura galega, así como conmemorar o Día das Letras Galegas e homenaxear a figura de Begoña Caamaño. O certame establece varias categorías e premios económicos. O prazo para a presentación de traballos está aberto ata o 15 de xuño.

O Certame Letras Galegas 2026 do Concello de Abegondo establece diferentes categorías e premios. En concreto as categorías son: infantil, primaria, secundaria e menores de 18, e adultos. As disciplinas varían segundo as categorías incluíndose: narrativa, poesía, debuxo e pintura, e audiovisual.

Premios e categorías

A categoría infantil está pensada para alumnado que curse estudos de infantil e ten previstos tres premios para as modalidades de debuxo e pintura. Os premios na categoría infantil consistirán en premios económicos de 100,00 €

(1.º premio), 80,00 € (2.º premio) e 60,00 € (3.º premio).

Para o alumnado que curse estudos de primaria hai previstos dous premios para a modalidade de narrativa e outros tantos para a de poesía. Os primeiros premios na categoría primaria consistirán nun premio económico de 100,00 €. Os segundos premios na categoría primaria consistirán nun premio económico de 80,00 €.


A categoría Secundaria e menores de 18 anos está pensada para alumnado que curse estudos de secundaria e participantes menores de 18 anos. Conta tamén con dous premios para narrativa e outros tantos para poesía. Os primeiros premios na categoría secundaria consistirán nun premio económico de 100,00 €. Os segundos premios na categoría secundaria consistirán nun premio económico de 80,00 €.

A persoas con máis de 18 anos poderán participar na categoría de adultos, na que haberá un premio para narrativa e outro para poesía, dotados, ambos os dous cun premio económico de 180 €.

Por último, na categoría audiovisual, na que poderán participar persoas de todas as idades, hai un premio especial audiovisual de promoción do galego. Serán admitidas gravacións audiovisuais que enxalcen ou estean relacionados coa promoción da lingua e/ou coa conmemoración do Día das Letras Galegas. Valorarase a orixinalidade, contido didáctico e valor cultural e antropolóxico. O premio na categoría audiovisual consistirá nun premio económico de 100 €.

Como presentar os traballos

Os traballos serán remitidos ao Servizo de Normalización Lingüística ou ao departamento de Cultura do Concello de Abegondo. Poderán ser entregados persoalmente na Casa do Concello, na Biblioteca e na Aula Lúdica, así como por correo postal no enderezo San Marcos, 1 – 15318 Abegondo. Poderán ser presentados a través da sede electrónica ou por correo electrónico no enderezo cultura@abegondo.gal, sempre que o formato do traballo presentado así o permita e isto non impida a correcta valoración da súa calidade artística.

O xurado valorará a orixinalidade e a creatividade das obras presentadas, así como a calidade literaria e lingüística, a posta en valor do galego, a promoción da lingua que se transmita nos traballos e a posta en valor da figura de Begoña Caamaño e a súa obra.

A información completa do Certame Letras Galegas, así como as súas bases, pódense consultar na ligazón: https://abegondo.gal/lingua/

Comparte este artigo