O Concello de Santiago ven de adxudicar as obras de acondicionamento do local para centro sociocultural e de maiores do Ensanche por un importe de case 1,4 millóns de euros. O equipamento estará ubicado na antiga sede da Tesourería Xeral da Seguridade Social, na rúa de San Pedro de Mezonzo, e o prazo de execución dos traballos será de 10 meses.
A Xunta de Goberno acordou, nunha sesión extraordinaria, adxudicar o contrato das obras de acondicionamento do centro sociocultural e de maiores do Ensanche á empresa Coto Estudios y Construcciones, por un importe de 1.373.350 euros, IVE incluído. Son preto de 300.000 euros menos do previsto no orzamento base de licitación. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, lembrou que o novo centro “está deseñado desde un enfoque novidoso, pensado para xerar sinerxias entre as persoas usuarias da Casa dos Maiores e do Centro Sociocultural e para desenvolver políticas de envellecemento activo e actividades interxeracionais”.
O Centro Sociocultural e de Maiores estará localizado na planta baixa do nº 17 da rúa de San Pedro de Mezonzo, no local cedido ao Concello pola Tesourería Xeral da Seguridade Social por un prazo de 25 anos. As dependencias teñen unha superficie total de 1.200 metros cadrados, e o proxecto contempla a demolición das divisións e acabados actuais para darlle unha distribución acaída ao novo servizo, así como a renovación das fachadas tanto á rúa como ao patio interior.
O novo servizo, que estará xestionado polas concellarías de Dereitos e Servizos Sociais e Centros Socioculturais, contará con cinco espazos pensados para acoller obradoiros, unha ampla biblioteca vinculada a unha sala de lectura, e un salón de usos varios que terá capacidade para preto de 180 persoas. Tamén disporá dunha praza e un patio interiores, ademais dunha zona de despachos.
O Centro Sociocultural e de Maiores permitirá mellorar a oferta de actividades no Ensanche, posto que o actual centro centro sociocultural de Frei Rosendo Salvado ten maiores limitacións de espazo para acoller determinadas propostas que sí terán cabida nas novas dependencias. Ademais, será un servizo innovador para as máis de 23.000 persoas maiores de 65 anos que viven en Santiago, 4.800 delas no Ensanche. O prazo previsto para a execución das obras é de 10 meses.

