Alternativa solicita explicacións pola ausencia de votación dos acordos no Pleno extraordinario sobre a FP Básica

Redacción

Alternativa dos Veciños de Carral presentou hoxe un escrito no Rexistro Xeral do Concello solicitando explicacións sobre o desenvolvemento do Pleno extraordinario celebrado o pasado 25 de xuño, convocado para debater a implantación da FP Básica no IES Carral.

Na convocatoria da sesión figuraba como único punto da orde do día o “debate e adopción dos acordos que procedesen en referencia á implantación da FP Básica no IES Carral”. Por este motivo, a formación entende que, unha vez rematado o debate, correspondía ao Pleno pronunciarse mediante a votación das propostas presentadas.

Porén, ao finalizar as intervencións, o alcalde decidiu levantar a sesión sen permitir unha quenda de réplica e sen someter a votación ningunha das propostas formuladas durante o debate, polo que non chegou a producirse a adopción de ningún acordo sobre o asunto que motivara a convocatoria do Pleno extraordinario.

Ante esta situación, Alternativa dos Veciños de Carral considera necesario coñecer os motivos polos que non se permitiu ao Pleno exercer unha das súas funcións fundamentais: debater e, no seu caso, adoptar acordos mediante votación cando así figura expresamente na orde do día.

No escrito presentado, a formación solicita que se informe por escrito das razóns polas que non se someteron a votación os acordos previstos e que esa explicación sexa trasladada a todos os membros da Corporación municipal.

Así mesmo, pide que, no caso de que legalmente proceda, as propostas formuladas durante aquela sesión sexan incluídas na orde do día do seguinte Pleno para seren debatidas e votadas. Se isto non fose posible, solicita que o Concello indique expresamente cal é a base legal que xustifica que non se sometesen a votación os acordos previstos na convocatoria.

Desde Alternativa dos Veciños de Carral consideran que esta petición responde unicamente á necesidade de garantir a transparencia institucional, o correcto funcionamento dos órganos municipais e o respecto ás normas que rexen o desenvolvemento das sesións plenarias.

A formación conclúe sinalando que a cidadanía ten dereito a coñecer por que un Pleno convocado para o debate e a adopción de acordos rematou sen que ningún deles fose sometido á decisión do órgano plenario, reiterando o seu compromiso coa transparencia, coa participación democrática e coa defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Carral.

Comparte este artigo