A obra, protagonizada por Ricardo Darín e Andrea Pietra, regresa á Coruña por segundo ano consecutivo
Ricardo Darín e Andrea Pietra, baixo a dirección de Norma Aleandro, volven á Coruña con ‘Escenas de la vida conyugal’, obra mestra de Ingmar Bergman baseada na película do director sueco. Esta versión regresa por segundo ano consecutivo ao Teatro Colón con cinco funcións programadas entre o 24 e 28 de xuño. A obra acumula máis de 1.000.000 de espectadores, o que a consolida como un dos clásicos modernos no noso idioma.
“Volvemos a amosar que A Coruña é a capital galega da cultura, captando espectáculos de éxito mundial coma este, que xa esgotaron entradas en todas as súas funcións do pasado ano”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, quen destacou a aposta feita por Inés Rey por converter a cidade nun referente cultural de primeiro orde a nivel nacional.
As entradas para todas as funcións sairán á venda este xoves 23 de abril ás 11.00 horas a través de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense.
En ‘Escenas de la vida conyugal’ vemos a Juan e Mariana (Darín e Pietra), unha parella que vive distintos episodios nas distintas etapas do seu matrimonio, e que continúan despois do seu divorcio. Escenas cotiás, divertidas ou dramáticas que sempre resaltan as condición humana. Todas elas cunha forte presenza do amor e coas que calquera pode identificarse.
Esta obra foi concibida por Bergman en 1973 como unha miniserie para a televisión sueca, con Liv Ullman e Earlan Josephson como protagonistas. Foi unha versión de 5 horas de duración que espertou tanto interese que no seu último capítulo congregou fronte aos televisores a máis da metade da poboación sueca.
Con igual éxito presentouse en numerosos países. Pasou logo ao cinema, obtendo importantes premios como o Globo de Ouro ou o Bafta. En 1981, Bergman estreouna en teatro en Munich, onde se atopaba exiliado voluntariamente. A adaptación que se presenta nesta xira aposta polo esencial: texto, actores e emocións. Cun deseño escénico sobrio e sen artificios, a atención céntrase nos poderosos diálogos e as descarnadas interpretacións, que oscilan entre o humor, a tenrura e a dor.
Norma Aleandro, primeira dama da escena arxentina e directora desta versión, protagonizou a obra en 1992 xunto a Alfredo Alcón, no que se lembra como un dos fitos teatrais da carteleira porteña. Esta obra estreouse en 2013 no Teatro Maipo de Bos Aires e desde entón presentouse nas principais cidades de Arxentina, España, Chile, Uruguai e Perú, esgotando as localidades en todas as funcións.

