· O goberno local lamenta a falta de investimentos no municipio, en claro contraste cos fondos que reciben ano a ano outros concellos da área metropolitana coruñesa.
· O Concello critica que se siga ignorando a senda peonil da AC-164, a pesar de cumprir coa entrega do Plan Director acordado no principio do ano coa conselleira de Infraestruturas.
O Concello de Bergondo expresou o seu profundo malestar tras analizar o proxecto dos orzamentos provisionais da Xunta de Galicia para o ano 2027, un documento que volve evidenciar o deixamento e a falta de compromiso do organismo autonómico co municipio. O goberno local denuncia unha preocupante falta de investimento recorrente, o que supón un claro agravio comparativo fronte a outros concellos da área metropolitana coruñesa que continúan recibindo importantes inxeccións económicas ano tras ano.
O Concello lamenta que a Xunta siga sen atender as múltiples peticións municipais en materia de infraestruturas, ignorando necesidades urxentes de seguridade viaria en estradas de titularidade autonómica que vertebran o municipio, como por exemplo na AC-161, a AC-171 e a AC-164.
O abandono na estrada AC-164, vía que comunica A Coruña con Ferrol, resulta especialmente incomprensible para o executivo local polo flagrante incumprimento dos acordos alcanzados. A comezos deste ano 2026, o Concello remitiulle á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas o Plan Director para a construción dunha senda peonil nesta vía. Coa entrega deste documento técnico, o goberno local cumpriu co compromiso adquirido nunha reunión previa mantida entre a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e a conselleira, María Martínez Allegue. No devandito encontro acordouse que sería a administración local quen se encargaría de realizar o estudo previo para definir os tramos e os custos da obra. Con todo, unha vez que o Concello cumpriu co seu parte do acordo, a Xunta de Galicia decidiu deixar fóra das súas contas esta actuación fundamental para a seguridade dos peóns.
Doutra banda, para a estrada AC-161, que comunica Bergondo con Betanzos e que se atopa actualmente en moi mal estado, existe un proxecto, publicado pola propia Xunta de Galicia, de mellora do firme que, a día de hoxe, segue sen executarse ao non contar con partida orzamentaria. “É incompresible que, tendo o proxecto listo, e sabendo que van ter que executalo porque é unha actuación prioritaria, non o incluísen neste proxecto de orzamentos”, laméntanse.
No caso da AC-171, unha estrada que baixa cara ao Pedrido e que acaba en Bergondo, o Concello expúxolle á Xunta de Galicia a transferencia da vía coa condición de que a acondicionasen previamente. Mesmo, con ánimo de colaboración institucional, o goberno local redactou un proxecto como proposta para o seu reacondicionamiento. “Intentamos consensualo con eles pero non foi posible”, aclaran.
Por tanto, a administración local considera que estas omisións, sumadas ao rexeitamento doutras obras prioritarias, constata que a administración autonómica segue incumprindo a súa palabra co Concello e cos veciños e veciñas de Bergondo.

