Marta Álvarez demanda unha resposta integral do Concello ante os incendios en Romero Donallo

Redacción
  • Os lumes, presuntamente provocados por unha persoa en situación de senfogarismo, comezaron a producirse en outubro.
  • A concelleira Non Adscrita reclama unha “resposta integral e unha actuación coordinada” do goberno local para garantir a protección social da persoa vulnerable e a seguridade da comunidade de veciños.

A concelleira Non Adscrita Marta Álvarez, insta ao goberno local a que dea unha resposta íntegra sobre a situación de inseguridade na avenida Romero Donallo provocada por unha serie de incendios que comezaron a ter lugar este mes de outubro. Os lumes foron ocasionados, segundo informan veciños e veciñas da zona, por unha persoa en situación de senfogarismo que leva desde o verán instalado no baixo do edificio Romero Donallo 47. A edil pide que “o goberno municipal tome cartas no asunto para garantir tanto a protección social da persoa sen fogar como a seguridade dos residentes”.

No antigo videoclub de Romero Donallo está instalada desde hai tres meses, unha persoa en risco de exclusión social que non supuxo ningún agravio ata comezos de outubro, cando apareceron as primeiras queixas da veciñanza. Durante este mes véñense producindo de forma reiterada numerosos incendios, habendo dous a pasada fin de semana.

Segundo Marta Álvarez, o feito de que non houbese esta situación ata agora, “débese a que a situación non foi atendida por parte do goberno local e agora trátase dun conflito veciñal”. A concelleira comprende a intranquilidade da comunidade de propietarios do edificio xa que “a ninguén nos gustaría abrir a xanela e atoparnos cunha fumareda procedente do baixo do noso fogar”.

Tal e como describiu Álvarez, o estado do establecemento favorece á propagación dos lumes debido ao lixo que se acumula no seu interior. Un espazo ao que se pode acceder tanto polos ocos da reixa de seguridade do establecemento como pola abertura da caixa de correo habilitada no seu momento para o depósito dos DVDs das películas alugadas. Entre outros factores, a inseguridade da veciñanza está ocasionada “especialmente pola proximidade da Galuresa”, sinalou á edil.

Medidas de protección para a persoa vulnerable

Marta Álvarez puxo tamén o foco na condición de senfogarismo da persoa acusada de provocar os incendios e defendeu que “se trata dunha persoa vulnerable, que precisa a axuda das institucións”, unhas administracións que reiterou “non actuaron cando había que facelo”. Desta maneira, a concelleira non adscrita instou directamente ao goberno local para que “poña os servizos sociais a disposición deste cidadán e que sexa atendido co tratamento que calquera veciño de Santiago se merece”.

A edil apuntou que levará esta cuestión á sesión plenaria de outubro pola “urxencia que require” e pola existencia dunha demanda interposta por parte dunha comunidade de propietarios do lugar. Así mesmo, Marta Álvarez sinalou que o “executivo de Sanmartín debe dar unha resposta integral”, debido a que a prioridade é “garantir o amparo da persoa en situación de senfogarismo e a seguridade dos residentes na maior brevidade de tempo posible”.

Comparte este artigo