Miguel Fernández denuncia o deterioro da atención primaria en Lugo e acusa á Xunta de condenar aos barrios precarizando servizos sanitarios imprescindibles

Redacción

O portavoz socialista alerta de que a Milagrosa acumula máis de dous anos de atraso e advirte de que os 600.000 euros previstos para o centro de saúde do Sagrado Corazón en 2027 non abondan para corrixir a demora acumulada

Fernández lembra que o anterior Goberno municipal investiu máis de 726.000 euros na expropiación dos terreos do Sagrado Corazón e reclama á Xunta que concrete os recursos e os prazos para construír o equipamento

O PSOE esixe recuperar a atención médica de luns a venres en Nadela e pide a Candia que defenda os intereses de Lugo ante o Goberno autonómico

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, denunciou o progresivo deterioro da atención primaria en Lugo, que atribúe á falta de investimento, planificación e compromiso do Goberno da Xunta. O socialista puxo o foco en tres situacións que considera especialmente preocupantes: o atraso na recuperación do centro de saúde da Milagrosa, a insuficiente dotación orzamentaria para impulsar o equipamento do Sagrado Corazón e a perda de servizos sanitarios no consultorio de Nadela.
“A política levada a cabo polos gobernos de Feijóo e Rueda está a debilitar o noso sistema de atención primaria de forma grave”, advertiu Fernández. “Cando falamos dos centros de saúde de Lugo non estamos falando só de edificios ou de obras. Estamos falando da vida de milleiros de persoas, da tranquilidade das familias e do dereito a recibir unha atención sanitaria pública, próxima e de calidade”.

Máis de dous anos de atraso na Milagrosa e sen un calendario fiable

O portavoz socialista lembrou que o centro de saúde da Milagrosa leva máis de dous anos de atraso respecto ao compromosio da Xunta, cunha afección directa a máis de 10.000 pacientes que tiveron que desprazarse para recibir atención. Unha situación que, segundo sinalou, prexudica especialmente as persoas maiores e aquelas con dificultades de mobilidade.

Fernández advertiu de que a partida prevista nos orzamentos autonómicos para 2027 non permitirá corrixir o atraso acumulado e recuperar o servizo nos prazos que a veciñanza necesita. A obra debería estar rematada e o centro funcionando, pero os usuarios continúan sen un calendario actualizado e verificable que lles permita saber cando volverán á normalidade asistencial. “ Van incumprir de novo”, afirmou o alcalde de Lugo ata a moción de censura.
“A Xunta converteu o provisional en permanente. E o peor é que seguimos sen saber ata cando”, afirmou. O socialista reclamou ao Goberno autonómico que explique o estado real dos traballos, os problemas que poidan estar a condicionar a súa execución e a data prevista para a reapertura.
“O que non pode ocorrer é que unha solución provisional acabe converténdose na normalidade. A Milagrosa leva demasiado tempo agardando e a veciñanza merece información, prazos claros e compromisos concretos”, subliñou.
Sagrado Corazón: 600.000 euros para 2027 fronte aos máis de 726.000 investidos nos terreos

O segundo foco de preocupación está no futuro centro de saúde do Sagrado Corazón. Fernández cualificou de insuficientes os 600.000 euros previstos pola Xunta para 2027, unha dotación que, ao seu xuízo, non ofrece garantías de que o proxecto poida avanzar coa axilidade necesaria.

O portavoz socialista contrapuxo esta cantidade ao traballo realizado polo anterior Goberno municipal, que destinou máis de 726.000 euros á expropiación dos terreos para poñelos ao servizo da cidade e desbloquear unha actuación pendente desde hai anos.
“Nós destinamos máis cartos a conseguir os terreos dos que a Xunta reserva agora nun ano para impulsar o centro de saúde”, sinalou Fernández, que reclamou ao Executivo autonómico que concrete os investimentos necesarios e os prazos para iniciar e completar a construción.

O socialista lembrou, ademais, que a parcela é a principal reserva dotacional dunha zona que experimentará unha transformación importante coa chegada da estación intermodal e o desenvolvemento residencial da contorna. Por iso, defendeu que a planificación non se limite ao centro sanitario, senón que contemple tamén unha escola infantil, un centro de día e equipamentos socioculturais para atender as necesidades do Sagrado Corazón, As Gándaras e Paradai.
“Non conseguimos eses terreos para que a Xunta constrúa un centro de saúde nunha esquina e se esqueza de todo o demais”, afirmou. “O centro de saúde é imprescindible, pero temos que anticiparnos ao crecemento da cidade e planificar os servizos que a veciñanza vai necesitar nos próximos anos”.
Fernández instou tamén á alcaldesa, Elena Candia, a asumir a súa responsabilidade institucional e reclamar á Xunta os recursos necesarios. “Lugo necesita unha alcaldesa que defenda a cidade diante da Xunta, non que defenda a Xunta diante da veciñanza de Lugo”, manifestou.

Nadela: menos días de atención médica e sen unha solución definitiva

O terceiro exemplo, segundo Fernández, é o consultorio de Nadela, que pasou de ofrecer atención médica cinco días á semana a reducila a tres, con peches recorrentes e pacientes que se ven obrigados a desprazarse a outros centros de saúde.
“En Nadelahay unha coberura incompleta e non hay servizo continuado de facultativos desde hai tempo. Estamos falando directamente da perda de servizos sanitarios e todo isto co silencio complice de Candia que se está a plegar ás directrices do PP en vez de poñerse do lado das e dos veciños”, denunciou o portavoz socialista, que lembrou que desde 2023 reclama, xunto coa veciñanza, a recuperación dunha atención médica estable de luns a venres.
Para Fernández, a situación de Nadela evidencia que as necesidades da atención primaria non se resolven unicamente coa construción de novos edificios: tamén son imprescindibles os recursos, o persoal e unha organización que garanta a continuidade asistencial.

O PSOE reclama investimento, planificación e compromiso coa sanidade pública

Miguel Fernández advertiu de que os problemas dos tres centros debuxan un escenario preocupante para unha cidade que medra e que precisa reforzar a súa rede sanitaria. Por iso, reclamou á Xunta un calendario público e verificable para a reapertura da Milagrosa, máis investimento e prazos concretos para construír o centro do Sagrado Corazón, unha planificación integral dos equipamentos desa contorna e a recuperación da atención médica de luns a venres en Nadela.

O portavoz socialista insistiu en que estas demandas responden a unha maneira de entender o futuro de Lugo baseada na planificación e na anticipación das necesidades da cidadanía, unha visión que tamén recolle a estratexia de cidade que está a impulsar o PSOE.
“Non se trata de confrontar por confrontar. Trátase de resolver problemas reais e garantir que os barrios dispoñan dos servizos públicos que merecen. A sanidade pública non pode depender de quen goberna en cada administración, nin os veciños poden quedar atrapados entre a falta de investimento e a falta de planificación”, concluíu.

Fernández advertiu finalmente do risco de que o Sagrado Corazón repita a situación da Milagrosa se a Xunta non actúa con decisión. “Non queremos atoparnos dentro de tres anos diante dunha parcela baleira no Sagrado Corazón, preguntándonos por que a Xunta tampouco cumpriu alí. A Milagrosa xa leva demasiado tempo agardando. Non podemos permitir que o Sagrado Corazón siga o mesmo camiño”.

Comparte este artigo