Bergondo levará a pleno unha inxección de 1,1 millóns de euros para investimentos nas parroquias e no polígono

Redacción

· O goberno local someterá este xoves a aprobación unha modificación de crédito financiada co remanente orzamentario.

· Os fondos destinaranse a proxectos prioritarios de saneamento, viais, iluminación pública e á recuperación do bosque do Pazo de Baldomir.

· A sesión tamén abordará a ratificación definitiva do Plan de Actuación Municipal (PAM 2026) e o incremento da partida para o plan de pavimentación.

O Concello de Bergondo someterá a aprobación este xoves, 28 de maio, nunha sesión plenaria ordinaria, unha modificación de crédito que ascende a 1.105.893,52 euros. Esta partida económica, que se habilitará mediante suplementos de crédito e créditos extraordinarios, destinarase integramente a realizar investimentos en infraestruturas e servizos públicos do municipio. Desde o goberno local sinalan que con esta inxección de fondos preténdese dar unha resposta áxil e directa a demandas veciñais prioritarias nas parroquias e no parque empresarial.

O executivo municipal explica que todas as actuacións incluídas nesta modificación orzamentaria teñen un carácter necesario. O plan investidor contempla un incremento das partidas destinadas a redes de saneamento, abastecemento de auga e iluminación pública, así como diversas melloras viarias de execución inmediata. Entre as intervencións principais destaca o proxecto de axardinado e recuperación da entrada, a zona oeste e o bosque do Pazo de Baldomir. Esta actuación, exposta en dúas fases diferenciadas, busca mellorar a proposta inicial recollida nos orzamentos participativos.

Así mesmo, os fondos permitirán acometer con urxencia o asfaltado e a regularización dos pasos de peóns nas rúas Rois e Moruxo do polígono industrial, a ampliación da calzada na rúa Lubre para facilitar o tráfico seguro de camiones e o acondicionamento dunha parcela en Guísamo para a futura recolocación da nave de servizos municipais. A modificación de crédito tamén cubrirá a achega local para cofinanciar proxectos que contan con axudas da Xunta, como a reparación de camiños rurais en Fiobre, Montecelo, San Vitorio e Babío a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). Do mesmo xeito, financiarase a rede de saneamento en Fiobre tras concluír as expropiacións, a reparación da rede en San Paio, o arranxo dun afundimento viario na estrada de Cangas cara á glorieta de Gandarío e a instalación de novas biondas de seguridade.

Vinculado a este esforzo económico, a orde do día inclúe a aprobación do proxecto para a actuación en camiños das parroquias de Bergondo, Moruxo, Vixoi, Guísamo, Cortiñán, Rois e Babío. Este proxecto, enmarcado no Plan Único de Concellos (POS+ 2026) da Deputación da Coruña, eleva o seu orzamento total de execución ata os 578.519,92 euros para adaptarse aos requirimentos técnicos do organismo provincial, achegando o Concello a diferenza de crédito necesaria a través da modificación orzamentaria xeral.

Outros asuntos do pleno

A sesión ordinaria deste xoves tamén someterá a votación a aprobación definitiva do Plan de Actuación Municipal (PAM 2026). Este documento contempla intervencións de calado para o municipio, entre as que destaca o proxecto de adecuación e reforzo de beiravías no vial que conecta Gandarío, Cangas e Casal de Ouces, unha obra orzada en máis de 512.000 euros. O PAM 2026 recolle ademais a mellora dos pasos sobre os regachos Maior, Cabanés e Callou, a reparación da drenaxe no Camiño dous Balseiros e o saneamento no Vilar.

Finalmente, o pleno abordará a regularización e normalización lingüística da toponimia local para adaptar formalmente o rueiro do municipio ao Nomenclátor oficial da Xunta de Galicia, seguindo as directrices da Oficina do Censo Electoral. Desde o goberno municipal aclaran que as diferenzas coas denominacións actuais son mínimas, pero resulta necesario formalizar lingüisticamente variantes en vías e núcleos como Rúa Nova en Guísamo, Moruxo (San Vicenzo) e San Vitorio en Vixoi.

Comparte este artigo