Bunbury actuará na Coruña o 10 de decembro dentro da súa xira ‘Nuevas Mutaciones Tour 2026’

Redacción

As entradas para o seu concerto, único en Galicia, xa están á venda

Bunbury súmase aos concertos programados neste 2026 no Coliseum cunha actuación o vindeiro 10 de decembro, dentro da súa xira ‘Nuevas Mutaciones Tour 2026’. O cantante aragonés percorrerá América e España presentando un novo espectáculo acompañado por unha formación de dez músicos. “Unha vez máis, o Goberno de Inés Rey amosa a súa capacidade para atraer á cidade concertos de gran relevancia internacional, sendo unha das únicas catro cidades estatais con actuación dunha lenda da música como Bunbury”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

A xira chegará a España unicamente con catro datas: Madrid, Valencia, A Coruña e Zaragoza, sendo o concerto do Coliseum unha das escasas oportunidades de desfrutar do novo directo do Bunbury. As entradas para o concerto da Coruña xa están á venda en enriquebunbury.com e ticketmaster.es

A xira chega tras a publicación de “De un siglo anterior”, o novo traballo discográfico de Bunbury, editado o pasado 17 de abril. Gravado no Desierto de los Leones (México) e producido polo propio artista xunto a Ramón Gacías, o álbum nace da exploración das posibilidades sonoras e rítmicas da música latinoamericana en diálogo con outros xéneros contemporáneos. As sesións de gravación comezaron en febreiro de 2025 e culminaron meses despois coa masterización realizada por Tom Baker en Los Ángeles (California).

O disco, está composto por dez cancións que destacan pola riqueza interpretativa dos músicos participantes e por unha procura artística marcada pola sensibilidade e a emoción.

En palabras do propio Bunbury: “Queriamos crear algo que só puidese existir a través de a sensibilidade dos músicos e da vulnerabilidade da voz. Que a música e os seus intérpretes sexan os verdadeiros protagonistas”.

Con este novo directo, Bunbury revisitará parte do seu amplo repertorio acompañado por unha salientable banda formada por Robert Castellanos (baixo), Ana Belén Estaje (violín), Ramón Gacías (batería), Javier García-Vega (trombón e guitarra española), Luismi Huracán (percusións), Jordi Mena (guitarras), José Miguel Pérez Sagaste (saxo e acordeón), Jorge “Rebe” Rebenaque (piano e Hammond) e Álvaro Suite (guitarra e coros).

Cunha traxectoria artística de máis de tres décadas, Enrique Bunbury consolidouse como unha das figuras máis influentes do rock en español. Desde os seus inicios a cargo de Héroes del Silencio ata a súa recoñecida carreira en solitario, o artista construíu un universo musical propio, caracterizado pola constante innovación, a fusión de xéneros e unha marcada profundidade lírica.

Ao longo da súa traxectoria, Enrique Bunbury consolidou un legado artístico de gran recoñecemento internacional, caracterizado pola profundidade das súas composicións e o seu constante espírito de innovación. En 2017 foi galardoado co Latin Grammy ao Mellor Álbum de Rock por ‘Expectativas’, e en 2025 ampliou a súa obra con ‘Cuentas Pendientes’, un traballo no que profunda nas raíces musicais hispanoamericanas e que contou ademais coa reunión de Huracán Ambulante para a súa xira, dúas décadas despois da súa disolución. Ese mesmo ano, Bunbury foi inducido no Latin Songwriters Hall of Fame e recibiu o Lifetime Achievement Award dos Latin Grammy, distincións que recoñecen a súa influencia e achega fundamental á música contemporánea.

Comparte este artigo