Carral reabre o seu Complexo Deportivo tras ampliar o ximnasio e a sala de actividades dirixidas

Redacción

· O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, e o concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, recibiron ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e á deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey.

Un ximnasio completamente renovado con 650 metros cadrados e unha nova sala de actividades dirixidas doutros 150 metros cadrados. O Complexo Deportivo de Carral renovará o luns a súa actividade, e farao cunhas instalacións máis amplas e cunha carta de servizos máis completa. O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, e o concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, recibiron esta mañá ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e á deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey, na reapertura da dependencia.

Durante a súa intervención, o rexedor destacou que as actuacións executadas permitiron “poñer a punto e ampliar o espazo do Complexo Deportivo, ofrecendo ás preto de 600 persoas usuarias unhas instalacións máis modernas e con maiores comodidades para a práctica deportiva”.

O proxecto

Entre as principais melloras realizadas destaca a ampliación da zona de ximnasio en máis de 100 metros cadrados, así como a creación dunha nova sala de actividades dirixidas de 150 metros cadrados. Estas novidades permitirán ofrecer un servizo máis cómodo, funcional e adaptado ás necesidades actuais das persoas usuarias, incrementando a capacidade e mellorando as condicións para a práctica deportiva.

Estas intervencións leváronse a cabo a través do Plan Único da Deputación da Coruña e supuxeron un investimento de 165.000 euros.

Ademais, o Concello asumiu a renovación integral da iluminación do Complexo Deportivo mediante a instalación de tecnoloxía LED, así como os traballos de pintura e a colocación de novos vinilos tanto no interior como no exterior das instalacións.

Tras a reapertura oficial, o Complexo Deportivo retomará a súa actividade habitual o vindeiro luns, 8 de xuño. Así mesmo, as clases de pilates volverán impartirse na nova sala de actividades dirixidas, que comezará a funcionar desde esa mesma xornada.

Comparte este artigo