Compostela Cultura lanza o Programa Didáctico 2026-2027, con propostas de música, teatro, danza e monicreques

Redacción

Os centros de ensino de Santiago poderán presentar as súas solicitudes a partir do 17 de setembro e os do resto de Galicia desde o día 18. A nova programación reúne 14 propostas adaptadas ás distintas etapas educativas, desde Infantil ata Bacharelato, con participación da Real Filharmonía de Galicia, a Banda Municipal de Música e destacadas compañías das artes escénicas

Compostela Cultura presenta a programación didáctica para o curso 2026-2027, unha proposta dirixida aos centros de ensino que busca achegar o alumnado á música, ao teatro, á danza e aos monicreques a través de experiencias artísticas especialmente adaptadas ás diferentes idades. O programa, que o Concello de Santiago desenvolve desde hai máis de 30 anos, ofrecerá ao longo do curso 14 propostas no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal, desde o vindeiro mes de outubro ata finais de abril.

A programación abrangue todas as etapas educativas, desde Primaria ata Bacharelato, e combina a descuberta das diferentes linguaxes artísticas coa abordaxe de cuestións vinculadas á memoria, a educación emocional, as relacións, a convivencia, a tecnoloxía ou a lectura. As actividades concíbense ademais como unha ferramenta pedagóxica que permite continuar na aula o traballo iniciado nos escenarios, para o que os centros teñen á súa disposición guías didácticas asociadas aos diferentes espectáculos.

Con máis de 20.000 escolares participantes cada ano, o Programa Didáctico de Compostela Cultura é un dos maiores programas públicos de arte e educación do país. Unha iniciativa consolidada que reforza a relación entre estas áreas e reivindica o acceso á cultura desde as primeiras idades como parte esencial da formación da cidadanía. O seu carácter público permite, ademais, converter espazos culturais como o Auditorio de Galicia e o Teatro Principal en lugares de encontro, aprendizaxe e convivencia, nos que a experiencia artística contribúe a estimular a curiosidade e o pensamento crítico e a transmitir valores democráticos como o respecto, a diversidade, a igualdade e a participación da rapazada.

Música, teatro, danza e monicreques para todas as idades

O curso comezará os días 15 e 16 de outubro coa Breve historia da música clásica, na que a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, xunto con Fran Rei e Félix Rodríguez, propón ao alumnado de 3º a 6º de Primaria unha divertida viaxe pola evolución da música clásica. A programación de outono continuará os días 22 e 23 de outubro no Teatro Principal con Caídas, de Redrum, unha proposta para ESO e Bacharelato que recupera a memoria das mulleres que pasaron polo Patronato de Protección de la Mujer durante o franquismo e que contará cun coloquio posterior á representación.

A Real Filharmonía de Galicia protagonizará os días 29 e 30 de outubro O bosque de Grimm, xunto á compañía La Maquiné. A música de Maurice Ravel, interpretada pola orquestra en directo, únese ao teatro xestual, os monicreques e o vídeo nunha proposta para Infantil e os dous primeiros cursos de Primaria inspirada nos grandes contos tradicionais.

Xa en novembro, e coincidindo co 40 aniversario de Cineuropa, a Banda Municipal ofrecerá os días 5 e 6 o espectáculo Música de cine, un concerto para ESO e Bacharelato que combina música en directo, narración, proxección audiovisual e participación do público para descubrir o papel da banda sonora e a súa capacidade para transformar a percepción das imaxes cinematográficas.

Un intenso programa entre xaneiro e abril

A programación retomarase en xaneiro con O Monstro de Cores, da Xanela do Maxín, unha proposta de teatro e monicreques para achegarse á educación emocional desde as primeiras idades. Seguiralle Farö, novo encontro da Real Filharmonía de Galicia con La Maquiné, desta volta dirixido ao alumnado de 3º a 6º de Primaria e construído a partir da música de Claude Debussy e outros compositores.

En febreiro chegarán Voo, de Teatro O Cubo, unha peza de teatro físico e danza arredor do desexo de voar; deseXo, de Talía Teatro, que aborda desde o humor cuestións relacionadas coa educación sexual e as relacións; e A Biblioteca Galáctica (contra a IA fantástica), de Tanxarina, unha aventura de monicreques que celebra a amizade e os libros ao tempo que propón unha reflexión sobre o uso da tecnoloxía e da intelixencia artificial.

Marzo incorporará outras tres propostas: Mular (o la gran captura), de Cinc Cèntims Teatre; Reiniciar memoria, coa Real Filharmonía de Galicia e a participación de Miguel Ángel Cajigal, «El Barroquista», que procura achegar a música sinfónica á mocidade cunha mirada actual; e O arcón de Noa, de Lilian Portela Fontán, que introduce o público infantil na danza contemporánea a través dunha historia de fantasía.

O curso pecharase en abril con dúas propostas teatrais. O día 13, Anita Maravillas presentará La Maestra, un espectáculo de teatro e monicreques arredor da educación, a liberdade e o coidado mutuo. Finalmente, os días 27 e 28 de abril, LaJoven levará ao Auditorio de Galicia Invisible, adaptación da obra de Eloy Moreno para ESO e Bacharelato que aborda cuestións como a violencia, o silencio cómplice, a falta de empatía, o medo e o acoso, e que incluirá un coloquio posterior.

Solicitudes a partir do 17 de setembro

O procedemento de reserva realizarase integramente en liña a través do formulario habilitado por Compostela Cultura. Os centros de ensino de Santiago de Compostela poderán presentar as solicitudes desde o xoves 17 de setembro, ás 8.30 horas, mentres que para os centros do resto de Galicia o prazo abrirá o venres 18 de setembro, tamén ás 8.30 horas. As solicitudes presentadas antes das datas correspondentes non serán admitidas.

Cada centro poderá solicitar un máximo de 60 prazas por actuación, incluído o profesorado e outras persoas acompañantes, e deberá presentar un único formulario indicando a orde de preferencia das actividades. A adxudicación realizarase atendendo á orde de recepción ata completar as prazas dispoñibles, procurando ao mesmo tempo unha distribución equitativa que permita a participación do maior número posible de centros.

Nos días posteriores á presentación das solicitudes publicarase na web de Compostela Cultura a relación de centros admitidos. Os que non figuren nela pasarán á lista de agarda. Unha vez publicadas as adxudicacións, os centros deberán comunicar tamén a asistencia de alumnado en cadeira de rodas, debido á limitación de espazos habilitados.

O programa completo, as condicións de asistencia, a carta informativa para os centros, o formulario de solicitude e as guías didácticas estarán dispoñibles na web de Compostela Cultura.

Comparte este artigo