O Concello acometerá tarefas de impermeabilización e renovación nas infraestruturas, co obxectivo de modernizar as instalacións e adaptalas ás necesidades das persoas usuarias
O Concello dá un paso máis no seu plan de renovación dos centros cívicos municipais. Agora, con novas actuacións sobre a escalinata de Santa Lucía, que permitirán adaptar e mellorar as instalacións do espazo veciñal e os baixos lindeiros nesta parte da avenida Fernández Latorre, no barrio de Catro Camiños.
Os traballos, xa en marcha, contemplan un amplo abano de intervencións entre a escaleira e o centro cívico, co obxectivo de impermeabilizar a estrutura para evitar filtracións de auga e renovar as súas cubertas e acabados de fachada mantendo a imaxe orixinal do conxunto, un aspecto fundamental que, tal e como se subliña na memoria técnica do proxecto, é clave ao tratarse dun ben catalogado.
Ademais, tamén se aproveitará a intervención para renovar a instalación eléctrica e cadros xerais das dependencias municipais que hai baixo a escalinata, onde tamén se prevé restaurar as carpinterías exteriores.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, fixo fincapé na importancia desta medida “para mellorar o confort do centro cívico veciñal, un equipamento público de proximidade que é vital no día a día do barrio, fundamental para promover a integración, cohesión social e a convivencia cidadá”.
Canosa contextualizou esta actuación, que forma parte dun plan máis amplo co que o Goberno de Inés Rey busca poñer en valor os centros cívicos dos barrios e adaptar as instalacións conforme ás súas necesidades actuais. A primeira fase desta folla de ruta inclúe os centros cívicos de Labañou, San Diego, Os Rosales, O Castrillón e o espazo veciñal da escalinata de Santa Lucía. Neste último caso, as obras programáronse para esta fase do ano co obxectivo de non interferir no desenvolvemento da programación sociocultural do recinto.

