A formación celebra a incorporación deste elemento patrimonial tras a iniciativa aprobada por unanimidade no pleno de Cabanas
O documento definitivo tamén recoñece o mal estado do Camiño Inglés na contorna da Ponte de Pedra, evidenciando a falta de mantemento por parte da Xunta
O BNG de Cabanas valora positivamente a incorporación do Muíño de Maré do río Castro na versión definitiva do Catálogo de Bens de Valor Cultural do Litoral da Xunta de Galiza. O logro chega tras unha iniciativa impulsada pola formación nacionalista o pasado mes de novembro e aprobada por unanimidade no pleno municipal.
Para o BNG, esta inclusión supón “un recoñecemento necesario a un elemento patrimonial de grande valor histórico e etnográfico para Cabanas”, ao tempo que evidencia “a importancia de facer un traballo rigoroso desde o ámbito local para defender o noso patrimonio fronte a documentos incompletos ou desactualizados”.
O portavoz municipal do BNG, Iago Varela, lembrou que o Muíño de Maré do río Castro é “unha construción singular, de carácter mixto, capaz de funcionar tanto coa auga do río como coas mareas, que conserva elementos estruturais de grande valor e que forma parte da nosa historia industrial e da memoria colectiva do concello”.
“Que finalmente se inclúa no Catálogo demostra que cando se traballa con rigor e coñecemento do territorio é posíbel corrixir decisións que deixaban fóra elementos fundamentais da nosa identidade”, destacou Varela, quen puxo en valor a importancia de contar cunha mirada comprometida coa defensa e posta en valor do patrimonio local.
Outros elementos patrimoniais do litoral cabanés
O BNG lembra que na mesma iniciativa tamén se solicitaba a inclusión da Casa de Xan Ares, un edificio de finais do século XIX de grande relevancia histórica, pois foi escenario dun dos primeiros mítines agraristas de Galiza. Ademais, conta con elementos arquitectónicos singulares como o muro de peche asociado a un antigo embarcadoiro tradicional.
Malia que este ben non foi incluído directamente como pedía o BNG, o catálogo definitivo incorpora unha nova referencia ao Camiño Inglés ao seu paso pola contorna da Ponte de Pedra, moi próxima á Casa de Xan Ares, recoñecendo expresamente o seu deficiente estado de conservación. “É significativo que a propia Xunta admita o mal estado dun elemento patrimonial e turístico de primeira orde, o que evidencia a falta de mantemento e de compromiso co noso patrimonio”, sinalou o portavoz municipal.
Desde o BNG subliñan que este paso “non debe ser o final do camiño, senón o inicio dun traballo máis ambicioso de protección e posta en valor do patrimonio de Cabanas”, e instan á Xunta a actuar con dilixencia tanto na mellora do estado do Camiño Inglés como na revisión continua do catálogo para incorporar outros elementos de interese.
“Cabanas ten un patrimonio rico e diverso que debe ser defendido e valorizado. O BNG vai seguir traballando para que non quede fóra dos instrumentos de protección e para que se converta nun motor de desenvolvemento cultural e turístico”, concluíu Iago Varela.

