Éxito de participación nos campamentos tecnolóxicos do proxecto Talento km 0, coas catro quendas completas

Redacción

O venres rematou a formación dos “Futuros exploradores” e hoxe arrinca a dos “Futuros makers”, centrada na introdución ao deseño 3D e a intelixencia artificial

A Aula CeMIT completou o venres a segunda quenda dos campamentos tecnolóxicos de verán, unha iniciativa organizada polo Concello de Carballo, no marco do proxecto de divulgación científica Talento km 0, e que rexistra un pleno de ocupación, xa que están cubertas todas as prazas nas catro quendas programadas.
Isto supón que case 60 nenos e nenas de entre 7 e 14 anos pasarán ao longo dos meses de xullo e agosto por esta oferta formativa, deseñada para impulsar as vocacións tecnolóxicas e o talento local, mediante o achegamento do traballo dixital e o pensamento computacional dun xeito lúdico e práctico.
Co motivo do peche desta segunda etapa, na que a rapazada de 9 e 10 anos traballou na creación de videoxogos e na programación con Scratch, fíxose entrega dos diplomas acreditativos aos participantes. No acto estiveron presentes o concelleiro de Innovación, Iván Andrade; a concelleira de Educación, Mar Eirís, e a técnica responsable da Aula CeMIT, Milagros Antelo, ademais da monitora da actividade, Lidia Noelia Esmorís.
A actividade dentro de Talento km 0 non se detén, e hoxe mesmo arrinca na Aula CeMIT a terceira quenda da programación, dirixida a formar Futuros makers. Do 3 ao 14 de agosto, os participantes de entre 11 e 12 anos darán un paso máis na súa aprendizaxe coa introdución a conceptos como o deseño 3D, a robótica con sensores e a intelixencia artificial.
O programa estival pecharase coa cuarta e última quenda, Makers avanzados, dirixida a mozos de 13 e 14 anos, que se desenvolverá entre o 17 e o 28 de agosto arredor da ciberseguridade e a creación de contidos audiovisuais e web.

Comparte este artigo