- A sinatura permitirá que o Goberno local vaia implantando paulatinamente o que sería o quinto contedor da cidade, facilitando que a veciñanza poida separar axeitadamente esta fracción e cumprir co que establece a normativa europea
- Ángeles Vázquez salienta que o Concello contará neste proceso coa colaboración da Xunta, que promove a aposta pola recollida selectiva de refugallos domésticos co fin de realizar unha óptima xestión dando prioridade á reciclaxe e á valorización
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinaron hoxe o protocolo de colaboración polo que o concello se adhire ao convenio marco que existe entre a comunidade autónoma e Ecoembes para a recollida separada de envases lixeiros, co que se completa a implantación da xestión desta fracción en toda Galicia ao estar a totalidade dos concellos adheridos ao convenio.
A responsable autonómica salientou que así o Goberno local implantará paulatinamente o que sería o quinto contedor da cidade, facilitando que a veciñanza da Coruña poida separar axeitadamente os envases lixeiros e cumprir co que establece a normativa europea en materia de xestión de residuos. De feito, a presenza do novo contedor nas rúas trasladará indirectamente á cidadanía unha mensaxe sobre o importante que é separar adecuadamente as distintas fraccións de lixo para o seu correcto tratamento.
Nesa transición, incidiu a conselleira, o Concello contará co apoio e colaboración da Xunta, que sempre promoveu a aposta pola recollida separada e selectiva dos refugallos domésticos co fin de realizar unha óptima xestión deles priorizando a reciclaxe e valorización da maior cantidade posible.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, e pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, felicitouse por este fito pois pon fin a varios anos nos que a Xunta trasladou aos responsables municipais a relevancia de cumprir cos requisitos da recollida separada e a necesidade de que adaptase a súa xestión con ese fin, dado que a non separación das distintas fraccións impide a valorización.
Axuda aos concellos
Unha mostra da colaboración e apoio da Xunta aos municipios no eido da xestión dos residuos son as axudas convocadas para este ano e resoltas coa concesión de arredor de 12,5 millóns de euros a máis de 170 entidades locais para optimizar a xestión dos seus residuos e avanzar cara a un modelo de economía circular. Neste sentido, o Goberno autonómico concedeulle unha axuda de 13.500 euros ao Concello da Coruña para facilitar a axeitada xestión de residuos, concretamente para a instalacións dos chamados puntos limpos de proximidade.
Estas achegas enmárcanse no Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia 2030, que conta cunha liña estratéxica integral de apoio e asesoramento, co fin de reafirmar a posición de Galicia como unha rexión comprometida coa innovación e a protección ambiental optimizando a xestión dos residuos e aspirando á ambiciosa meta de chegar a un escenario de cero refugallos.