Habilitado un aparcamento provisional para o centro de saúde da Covada

Redacción

As persoas que acudan ao centro de saúde de Santa María de Oleiros disporán dun aparcamento provisional nas inmediacións do centro. Tamén están habilitados distintos itinerarios peonís tanto para acceder ao propio centro de saúde como ao IES Miraflores.

Estas actuacións provisionais débense as obras de urbanización que están a realizarse na zona e coas que o patrimonio municipal vaise incrementar en máis de 30.000 metros, entre a rotonda das olas e a piscina. Máis da metade da superficie sobre a que está a actuar a maquinaria pasará a ser pública.

Esta intervención suporá unha mellor ordenación dos accesos ao centro de saúde, facilitando a mobilidade e creando novas prazas de aparcamento para dar resposta ás necesidades da veciñanza. Ademais, habilitaranse novas zonas verdes que contribuirán a incrementar os espazos de lecer e estancia ao aire libre.

Dentro desta superficie pública reservarase unha parcela específica para a ampliación da área de recreo do CEIP Rabadeira, mellorando así as instalacións destinadas ao alumnado e ampliando os espazos de uso educativo e recreativo.

A urbanización tamén permitiu, de forma anticipada, obter os terreos necesarios para a construción do centro de saúde e fixo posible a apertura da circunvalación de Oleiros, unha infraestrutura clave para a mobilidade do municipio ao conectar directamente coa vía Ártabra.

Con esta actuación, o Concello de Oleiros reforza a súa aposta por un crecemento urbanístico ordenado e orientado á creación de novos espazos públicos e á mellora dos servizos e equipamentos para toda a cidadanía.

Comparte este artigo