A alcaldesa inaugurou o monólito dedicado a José Castiñeiras, sito na confluencia da avenida dos Mallos coa rolda de Nelle, xunto á ao artista, a familia e á Asociación Veciñal Os Mallos Plataforma
O barrio dos Mallos acolleu este sábado unha homenaxe ao escultor José Castiñeiras, dubrés afincado na Coruña dende hai máis de dúas décadas e autor de gran parte das esculturas da cidade.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a inauguración dun monólito conmemorativo situado na glorieta da avenida dos Mallos coa rolda de Nelle, nun acto institucional organizado pola Asociación Veciñal Os Mallos Plataforma en colaboración co Concello da Coruña. Ao acto sumáronse representantes da familia do artista, membros da entidade veciñal e numerosos veciños e veciñas do barrio, nun recoñecemento público a unha das figuras fundamentais da arte escultórica coruñesa contemporánea. Tamén asistiu Diego Luis Díaz Méndez, alcalde de Val do Dubra, localidade natal de José Castiñeiras.
A alcaldesa destacou “a inmensa pegada artística e emocional” que Castiñeiras deixou na cidade a través de obras xa integradas na memoria colectiva da Coruña, como a estatua de María Pita, a Fonte dos Surfistas, As Gaivotas, Os Liberais ou os monumentos dedicados a Pucho Boedo e Álvaro Cunqueiro. Inés Rey subliñou ademais o valor especial dun recoñecemento “nacido desde o corazón do seu barrio”, sinalando que “este homenaxe dos veciños e veciñas dos Mallos convértese hoxe nun homenaxe de toda a cidade”.
A xornada arrancou coa actuación da Coral Saraiba do Centro Cívico dos Mallos, preludio do descubrimento da escultura conmemorativa, realizada polo escultor e sobriño do artista, Abel Castiñeiras, seguido dunha intervención do propio José Castiñeiras.
“Letras nos Mallos”, actividade previa ao 17 de maio
O acto enmárcase na programación de “Letras nos Mallos”, organizada pola Asociación Veciñal Os Mallos Plataforma coa colaboración do Concello da Coruña como antesala da celebración do Día das Letras Galegas.
Tras o acto de homenaxe a Castiñeiras, a programación continuou na rúa Ramón Cabanillas con actividades populares abertas á veciñanza, incluíndo unha actividade infantil de pintacaras e unha sesión vermú amenizada por DJ Pukas.

