A alcaldesa, acompañada polo director xeral de Tráfico, Pere Navarro, e pola secretaria xeral da Fegamp, Patricia Vilán, participou hoxe na xornada ‘Peatones y seguridad vial’, que tivo lugar na Domus
A Domus acolleu hoxe a xornada ‘Peóns e seguridade viaria”, unha iniciativa na que o Concello colabora co Ministerio de Interior e a DXT, a través da Xefatura Provincial de Tráfico, na posta en valor das políticas públicas necesarias para situar os peóns e peoas como protagonistas da mobilidade nas cidades.
A alcaldesa, Inés Rey, participou no acto inaugural da xornada. Acompañada polo director xeral da DXT, Pere Navarro, e pola secretaria xeral da Fegamp, Patricia Vilán, a rexedora subliñou a transformación experimentada pola Coruña nas últimas décadas cara a unha cidade máis respectuosa coas persoas e o tránsito a pé.
“Recuperar espazos públicos, devolverllos á cidadanía e encher as rúas de vida permítenos avanzar cara ao noso obxectivo: que as cidades sexan, cada vez, máis humanas e tamén mellor planificadas e ordenadas urbanisticamente baixo esta perspectiva de futuro”, indicou Rey, que puxo en valor os pasos dados nos últimos seis anos, cando se puxo en marcha o proxecto da Rolda Peonil entre os parques de San Diego e o Observatorio, un percorrido de 3,5 quilómetros que enfila actualmente o seu treito final, con paso pola Sagrada Familia.
Ademais, tamén fai seis anos, A Coruña incorporouse á Rede de Cidades que Camiñan e foi premiada polas súas iniciativas en materia de transformación urbana ata en dúas ocasións, na categoría de urbes de máis de 100.000 habitantes.
Na súa intervención desta mañá, Rey tamén destacou que o reforzo da seguridade viaria foi un dos eixes que sustentou a redacción da nova ordenanza de mobilidade sostible, marco regulador que en setembro cumprirá un ano de vixencia “e que nace dun traballo coral, do intercambio de opinións en encontros veciñais, foros como a Semana Europea da Mobilidade e, o máis importante, da escoita activa a pé de rúa”.
Ademais, na xornada celebrada na Domus, a alcaldesa tamén trasladou os seus parabéns ao xornalista José Manuel Pan, moderador dunha das mesas de debate desta mañá e galardoado hoxe coa medalla al Mérito de la Seguridad Vial.

