Destacou a concentración de talento, capacidade empresarial e innovación da cidade durante o peche da terceira edición do foro
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou hoxe na clausura do Vertical Summit A Coruña 2026, un encontro empresarial que reuniu na cidade a profesionais, directivos, emprendedores e expertos de diferentes sectores para analizar os retos e oportunidades da transformación económica e tecnolóxica.
Durante a súa intervención, a rexedora destacou o papel da Coruña como o principal polo de innovación, emprendemento e actividade económica de Galicia, subliñando que “unha parte moi significativa do talento galego concéntrase na nosa cidade, onde conviven empresas consolidadas, proxectos emerxentes, centros de coñecemento e profesionais que contribúen cada día ao desenvolvemento económico do país”.
Inés Rey puxo en valor a capacidade do tecido empresarial coruñés para adaptarse aos cambios e liderar procesos de transformación, especialmente nun contexto marcado pola dixitalización e a irrupción da intelixencia artificial. “A Coruña ten moito que dicir neste momento de cambio. Somos unha cidade aberta, innovadora e con ambición de futuro, capaz de atraer talento, investimento e novas oportunidades”, sinalou.
A alcaldesa tamén incidiu na importancia da colaboración entre administracións, empresas, universidades e centros de coñecemento para afrontar os desafíos dos próximos anos e consolidar un ecosistema económico competitivo e sostible.
Finalmente, agradeceu á organización do Vertical Summit o seu compromiso coa creación de espazos de encontro e intercambio de experiencias, así como a participación das persoas asistentes e relatoras nesta terceira edición do foro: “A Coruña seguirá traballando para ser unha cidade que acompañe a quen emprende, que apoie a quen innova e que xere oportunidades para o talento e a actividade empresarial”, concluíu a alcaldesa.

