O venres 15 de novembro continúa o ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene para conmemorar o seu aniversario. Desta vez a protagonista será Leticia Miraz, máis coñecida como Leti da Taberna, “taberneira de nacemento e sociosanitaria de formació que en maio de 2020 comezou a subir contidos a TikTok, acumulando a día de hoxe ducias de miles de seguidoras nas redes sociais”. O espectáculo, titulado “Enredada”, comezará ás 20.00 horas. E a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
“Enredada” é o primeiro monólogo de Leti da Taberna no que se emprega a retranca para realizar crítica social desde unha perspectiva feminista e en galego. Nel “explora en ton irónico a nosa relación coas redes sociais e como nos inflúen no noso día a día. En galego e con perspectiva feminista, Enredada enche o escenario de luz e enerxía, provocando que a espectadora se vexa identificada coas situacións que se presentan e acabe ríndose de si mesma”.
Trata cita deste venres, o “Novembro, mes do humor” continuará o 22 de novembro con Avelino González actuando na Casa da Cultura de Fene e presentando “Eran ellas!”. E concluirá o venres 29 de novembro cun monólogo, “Contos de defuntos (e outros asuntos)”, a cargo de Brais das Hortas.
Ciclo organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).