O obxectivo desta medida é aliviar a circulación do tráfico en Juana de Vega e contribuír á súa desconxestión en horas punta
Será preciso adecuar parte do illote central da praza de Pontevedra, traballos que se acometerán ao longo do vindeiro mes de xuño
Nas vindeiras semanas, o Concello porá en marcha o plan de traballos para conectar as rúas Paio Gómez e Modesta Goicouría a través da praza de Pontevedra, co obxectivo de facilitar o acceso de vehículos ao paseo marítimo e aliviar, desta forma, a circulación do tráfico rodado en Juana de Vega.
A implantación desta medida foi estudada previamente polo Centro Integral de Mobilidade (CiMob), co fin de atender á necesidade de buscar alternativas para acceder á avenida Pedro Barrié de la Maza sen saturar o túnel de Juana de Vega, que presenta intensos fluxos de mobilidade en horas punta, ao ser a principal porta de entrada desde Linares Rivas en dirección ao paseo.
Neste sentido, a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou que, tras as simulacións de tráfico efectuadas, se lle deu luz verde a un novo percorrido que, desde Linares Rivas, seguiría pola rúa Picavia, baixará polo túnel da praza de Lugo, subirá a Paio Gómez para chegar á praza de Pontevedra e, xa deseguido, enfilar Modesta Goicouría para xirar á dereita cara á avenida Pedro Barrié de la Maza.
Díaz lembrou que a viraxe desde Modesta Goicouría a Pedro Barrié de la Maza xa se habilitou tempo atrás aos autobuses urbanos no contexto das obras de Santo André, para facilitarlles o acceso ao paseo marítimo desde a praza de Pontevedra. Agora, esta vía será a que tamén poidan empregar os vehículos que saian desde o túnel da praza de Lugo e Paio Gómez.
“Dado que o tráfico da cidade sempre está controlado por semáforos, é factible modificar os seus tempos se, chegado o momento, precisamos axustalos en función da demanda existente nas diversas franxas horarias do día”, razoou Díaz.
Adecuacións no illote central da praza de Pontevedra
Para habilitar esta nova conexión entre Paio Gómez e Modesta Goicouría, o Concello executará unha pequena remodelación no illote central da praza de Pontevedra, necesaria para abrir o novo carril de circulación e permitir a incorporación de vehículos.