Excelente acollida brindada pola veciñanza ao obradoiro de primeiros auxilios na infancia, promovido polo Concello de Neda, en colaboración coa Escola galega de saúde para cidadáns. A Casa da Cultura acolleu este cursiño, que esgotou prazas ao pouco de anunciarse, destinado a formar á cidadanía sobre como reaccionar ante situacións de emerxencia con menores.
Nais e pais, acompañados polos seus bebés, persoal de escolas infantís e algún que outros avós sumáronse á actividade na que, da man de Amparo González, médica de base da Fundación de Urxencias Sanitarias 061, tiveron ocasión de aprender accións e procedementos de atención inicial que poden resulta vitais ante situacións de emerxencia.
Na sesión, falouse, entre outras cuestións, do funcionamento do 061 Galicia, das principais situacións de risco que poden xurdir coa poboación infantil (dificultades respiratorias, caídas, atragoamento…), ou dos aspectos que cómpre avaliar ante unha emerxencia cun bebé (aparencia, respiración, e cor). Ademais, os participantes aprenderon, de maneira práctica, como realizar a reanimación cardiopulmonar básica a un bebé e a un neno de máis idade.
O obradoiro enmárcase na oferta regular de actividades sanitarias de diferente temática que, co apoio da Escola galega de Saúde, vén programando o Concello ao longo do ano.

