Neda anuncia restricións ao tráfico este sábado no casco histórico por mor da Senda das ánimas

Redacción

Con motivo da celebración da Senda das ánimas, o Concello de Neda anuncia restricións á circulación rodada no casco histórico. As limitacións, previstas ao longo do sábado 31 de outubro, terán como obxectivo facilitar a organización do evento e garantir a seguridade da numerosa rapazada que participará.

Así, entre as 10:00 e as 23:00 horas, pecharase ao tráfico a rúa Real entre as inmediacións da praza da Reitoral e a travesía de Sobre a vila. Nese intervalo horario, este treito da vía deberá ademais quedar completamente libre de vehículos estacionados para facilitar as tarefas de montaxe, celebración do evento, e posterior desmontaxe da decoración.

Ademais, entre as 18:00 e as 22:00 horas, as limitacións da rúa Real estenderanse máis próximo á Casa Consistorial e a Torre do Reloxo e non se poderá acceder en vehículo á rúa Sobre a Vila, buscando facilitar o tránsito peonil entre o fin do percorrido de terror e a casa das palmeiras, lugar onde, simultaneamente, terá lugar o tradicional magosto.

O Concello de Neda lamenta as molestias que poida causar o desenvolvemento da Senda das ánimas e agradece de antemán a comprensión e a colaboración da veciñanza, especialmente os residentes da zona, e tamén do público visitante.

Comparte este artigo