O Concello ultima a posta en marcha dos traballos, que tamén contempla actuacións sobre as beirarrúas para facelas máis accesibles
Ademais, remodelarase o cruzamento coa avenida Gran Canaria para reforzar a seguridade viaria nesta parte do barrio
O Concello ultima os preparativos para actuar na rúa Archer Milton Huntington, unha iniciativa que forma parte da folla de ruta do Goberno de Inés Rey para Labañou, e coa que o executivo local, en colaboración coa asociación veciñal, busca dar resposta ás necesidades existentes nesta parte do distrito.
Os traballos comezarán nas vindeiras semanas e suporán unha transformación substancial de Archer Milton. O máis destacado: sumaranse 30 novas prazas de estacionamento gratuíto —en batería— ao longo da rúa. Isto será posible coa reconfiguración da calzada, para a súa disposición definitiva cun carril de circulación, en sentido único, en dirección ao Paseo Marítimo.
“Con este plan de medidas non só gañamos máis estacionamento en Labañou, senón que tamén adaptamos a rúa para evitar problemáticas como a dobre fila”, indicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
O investimento previsto na intervención, de 100.000 euros, tamén prevé melloras no referente aos espazos peonís. No sector da rúa Archer Milton máis próximo ao Paseo Marítimo, chegando xa a San Roque, está prevista a reurbanización das beirarrúas máis antigas, co obxectivo de amplialas e gañar en accesibilidade.
Ademais, e tamén con esta mesma finalidade, intervirase no conxunto dos cruzamentos e pasos peonís da rúa, renovando os pavimentos e incluíndo materiais como baldosas podotáctiles, fundamentais para facilitar o tránsito das persoas con visibilidade reducida.
Remodelación do cruzamento coa avenida Gran Canaria
O plan de actuacións previsto na rúa Archer Milton Huntington tamén abrangue a reurbanización do cruzamento coa avenida Gran Canaria, un punto sensible no referente á seguridade viaria polos fluxos habituais de circulación de vehículos nesta parte do barrio.
Neste sentido, está prevista a supresión da mediana axardinada triangular para configurar un novo paso peonil, elevado, que dé sentido ao percorrido das persoas viandantes ao longo da avenida Gran Canaria, o que aparellará a ampliación das beirarrúas neste ámbito. Noemí Díaz subliñou a importancia desta actuación en Labañou, incluída na primeira fase do Plan de Barrios 2025-27, e agradeceu o espírito de colaboración da asociación veciñal e as persoas residentes á hora de artellar o plan de medidas en Archer Milton “atopando unha solución colectiva que pode mellorar a calidade de vida das e dos veciños no seu día a día”.

