Home A Coruña O BNG de Cabanas denuncia a inacción, incapacidade e hipocrisía do goberno...

O BNG de Cabanas denuncia a inacción, incapacidade e hipocrisía do goberno local do PP, que ten o concello paralizado

- Anuncio -

Despois de centrar a súa campaña electoral municipal na prórroga dos Orzamentos, o PP segue sen presentar os de 2024 e mantén ampliadas as contas de 2023

O goberno do PP terá tamén que devolver unha subvención de 140.000 euros conseguida polo anterior equipo de goberno para a reparación da cuberta do Pavillón de Lavandeira

O BNG lamenta que Cabanas teña un goberno municipal “sen Orzamentos, sen proxectos e que só sabe facer oposición á oposición” mentres desmantelan todos os avances sociais e económicos conseguidos no anterior mandato. “Dez meses bastaron para pechar e deixar sen actividade o Centro de Interpretación do Medio Mariño, para desmantelar as áreas de Igualdade, Diversidade e Normalización Lingüística e para perder múltiples subvencións”, explican. A situación de parálise e a incapacidade de revertela é evidente.

Orzamentos para 2024 non aprobados

O Concello de Cabanas segue, a 12 de abril, sen ter orzamentos para este ano 2024. Ante esta situación, o BNG quere lembrarlle ao actual alcalde, Fernando Couce, as súas palabras do ano pasado: “Una gestión deficiente por parte del Concello hace que estemos a mediados de mes de enero y todavía no sepamos nada de los presupuestos para este año” (19 de xaneiro de 2023). “Nunca tal cousa se viu. O actual goberno segue sen ter preparadas as contas para o 2023. Só serven para facer propaganda e panfletos!” (23 de febreiro).

A incapacidade de aprobar os orzamentos do Concello a tempo despois de facer da prórroga dos do 2022 unha parte central da súa bronca campaña electoral, baseada en mentiras e rumores, evidencian a ineptitude e a hipocrisía do PP. “Bastaron unicamente 10 meses para desmontar un PP incapaz, que chegou ao poder sen proxecto, sen ideas e sen gañas de traballar”, apuntan desde o BNG.

O problema non remata aí, pois non é só que Cabanas estea sen Orzamentos para 2024, senón que ademais continúa cuns Orzamentos de 2023 prorrogados cheos de defectos e que non serven para o Concello. “Nada máis entrar ao goberno, o PP levou a pleno a aprobación dun borrador dos Orzamentos que era un documento de traballo no que faltaban por axustar partidas básicas, e así llelo advertimos”, apuntan desde o BNG. “Deu igual. No seu afán por conseguir un titular, o PP aprobou -coa irresponsable abstención do PSOE- uns Orzamentos cuxas consecuencias estanas a pagar, por exemplo, os provedores que seguen sen cobrar traballos realizados en 2023”, sinala a formación nacionalista.

Perda de subvencións

A incompetencia do goberno do PP tamén se deixa ver na perda de subvencións que está a sufrir Cabanas. O Concello vai ter que devolver 140.000 € dunha subvención para a reparación do tellado do Pavillón de Lavandeira “pola súa incapacidade de sacar unha licitación en tempo e forma e facer seguimento das obras”.

Tamén pende dun fío o orzamento conseguido da Deputación da Coruña para o proxecto de Humanización do Areal, “unhas obras imprescindibles para a mellora da accesibilidade e a promoción económica da área comercial de Cabanas que o PP paralizou”, segundo o BNG. O pleno de xaneiro aprobou unha proposta desta formación que instaba a continuar co proxecto, mais de momento o goberno local non realizou ningún avance.

Outros financiamentos conseguidos polo anterior executivo que corren o risco de perderse son os 1,2 millóns de euros de fondos europeos para os proxectos de remodelación da nave municipal ou a creación dun coworking en Vilar do Colo, así como a rexeneración e dixitalización do Piñeiral da Madalena, “dos que non houbo ningún avance desde que entrou o PP”. En idéntica situación están as axudas relativas á creación dunha área de caravanas con cargo ao PSTD das Fragas do Eume que estaba “prevista para instalarse fronte á Oficina de Turismo e que tería que estar rematada a finais de 2024”. A zona emprégase agora como lugar de depósito de maquinaria para as obras da Ponte de Pedra.

Orzamento sen executar

Nestes primeiros meses, unha das desculpas que empregou o goberno local para a súa inacción baseouse en que o anterior goberno deixara o Concello sen fondos, tal e como manifestou o alcalde popular en diversas ocasións. O BNG valora esta acusación como “unha escusa que o PP empregou até para xustificar a súa incapacidade de poñer un alumeado de Nadal decente”.

Porén, esta mentira tamén caeu polo seu propio peso. O PP levou a liquidación do exercicio 2023 ao último pleno municipal, a cal expón que o goberno local deixou sen executar canto menos 400.000€ dun orzamento de pouco máis de 3 millóns. “A liquidación demostra que a inacción do goberno local non era cuestión de diñeiro, pois tiñan cartos de sobra. É cuestión de incapacidade e desidia”, explican desde o BNG.

Persoal

Os nacionalistas quixeron responder tamén a unhas declaracións en redes sociais do alcalde de Cabanas, nas que os acusaba de “deteriorar as relacións laborais internas”.

“Resulta paradoxal que fale de malas relacións co persoal do Concello precisamente a persoa que impide a mellora das súas condicións laborais ao optar por facer caso omiso dos compromisos adquiridos, como o Acordo Regulador para o Persoal Funcionario ou a RPT”, afirmou o Bloque. “Chama aínda máis a atención esa acusación cando desde a oposición vimos de ter que forzar (xa que Couce se negaba) a celebración dunha comisión para tratar asuntos de grande relevancia para o persoal municipal como a paralización da RPT por parte do alcalde. Unha comisión que, ademais, foi a primeira que quedou sen gravar desde que se implantou o servizo de gravación de plenos”.

Ademais, o BNG quixo lembrarlle ao alcalde que aínda non deu resposta ás solicitudes de convocatoria de mesa xeral de negociación: “Convidámolo a cumprir coa súa obriga e sentar a negociar cos sindicatos”.

Relacionadas

A Xunta inviste preto de 1,8 M€ nas obras de mellora da rede de...

0
Os traballos, que rematarán a finais de ano, beneficiarán a dous núcleos de poboación e supoñen a dotación dunha estación depuradora, a instalación dunha...

Concello e movemento asociativo colaboran no programa de actividades “Primavera en Baldaio”

0
Regueifa, música, cine, xogos, charlas e rutas integran unha proposta que se levará a cabo nos centros sociais de Lema e Imende Grazas á colaboración...

O Xeoparque Cabo Ortegal prepárase para o acto central conmemorativo do seu aniversario

0
O acto celebrarase o venres á tarde na Casa da Cultura de Valdoviño, na véspera dunha nova fin de semana de actividades gratuítas abertas...

Augas de Galicia estudará a posibilidade de habilitar un paso peonil pola ponte da...

0
O alcalde e a enxeñeira municipal participaron na xuntanza da comisión de seguimento do convenio asinado entre o organismo autónomo e o ConcelloO alcalde,...

O Dr. Calafiore responderá en Laxe as dúbidas máis comúns sobre patoloxías da próstata...

0
• A charla informativa terá lugar este sábado, 25 de maio, ás 19:00 horas, no Salón de Actos Culturais • Durante a sesión, o profesional...

Luns 27 de maio, día de doar vida en San Sadurniño

0
Doar sangue é un xesto de solidariedade e altruísmo que pode salvar vidas. O lema “doar sangue é doar vida”, utilizado pola Axencia de...

Publicacións Relacionadas