O Goberno de Inés Rey promove este evento no que se proxectará un documental e haberá unha actuación de Orquestra Bravú Xangai con moitas sorpresas
Este venres o Teatro Colón acollerá a celebración BRAVÚ XXX, que conmemora o trinta aniversario deste xénero musical, moi arraigado na cidade da Coruña grazas a artistas e formacións como Xurxo Souto e Os Diplomáticos de Monte Alto. O Goberno de Inés Rey promove este evento co obxectivo de “afondar na repercusión que tivo e segue tendo a cidade na música en galego, poñendo en valor un estilo do que A Coruña foi precursora”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Este outono cúmplense trinta anos da fundación do movemento bravú, un movemento cultural e musical que o revolucionou todo en Galicia e moito desde A Coruña. Para conmemorar a efeméride, Xurxo Souto, o que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto e referente indiscutible do bravú, protagoniza o filme documental BRAVÚ XXX, producido por Nós Televisión e que conta coa colaboración do Concello. O evento que se celebra este venres no Teatro Colón a partir das 21.00 horas, con entrada libre ata completar capacidade, consistirá na proxección de dito documental e na actuación en directo de Orquestra Bravú Xangai, con colaboracións de músicos moi especiais e ligados ao bravú.
Ao escenario subirán cantar e tocar temas coa Orquestra Bravú Xangai músicos como Sés, Xosé Manuel Pereiro, Gabi dos Vacalouras, Richi dos Rastreros, Benxa dos Impresentables ou Rafa do Caimán do Río Tea, entre outras sorpresas, nunha noite única para celebrar o bravú.
BRAVÚ XXX é un filme documental no que Xurxo Souto invoca o cosmos bravú trinta anos despois do nacemento deste movemento. O que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto emprende unha viaxe que nos achega ao Bravú desde a súa dimensión de movemento, conectándoo e entendéndoo desde dentro da nosa historia musical. BRAVÚ XXX aborda o Bravú desde ese trazado dun camiño colectivo, espontáneo, honesto e aberto a todas e todos os espectadores.