José Manuel Lage: “Agora poderemos derrubar os muros e dotar a un barrio que o precisa dunha zona verde de calidade”
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, informou hoxe no Pleno de que o Concello acaba de concretar un paso clave para acometer a creación do parque do Observatorio, no barrio da Agra da Orzán. O tamén voceiro do Goberno municipal explicou durante o debate dunha moción os resultados das negociacións desenvoltas co Estado durante os últimos meses.
“Esta mesma semana recibimos o oficio da AEMET no que se nos comunica a aprobación da concesión demanial a favor do Concello da parcela do parque do Observatorio”, apuntou Lage, que lembrou que sen este paso administrativo “o Concello non podería actuar nunha parcela da que non ten a titularidade ou a cesión. Agora, por fin, xa a temos”.
A aprobación da concesión demanial chega despois de que se acadasen os informes favorables do Ministerio de Facenda e da Delegación Territorial da AEMET, “froito de numerosas reunións e trámites que deron un resultado que, agora si, nos permite por fin licitar a execución do parque do Observatorio, derrubar os muros e dotar a un barrio que o precisa dunha zona verde de calidade”, expresou Lage, que subliñou que “será o Goberno de Inés Rey o que saldará esta débeda histórica co barrio da Agra e quen amañe un problema que leva décadas sen solución”.