A estancia, incluída no programa Idiomas do Mundo 2025, desenvolverase entre o 27 de xullo e o 24 de agosto e está financiada case na súa totalidade polo Concello da Coruña
O Concello publicou hoxe as listaxes definitivas do alumnado seleccionado para participar este verán no programa municipal Idiomas do Mundo 2025, que ofrece 32 prazas para estudantes de 1º de Bacharelato da cidade. A iniciativa permitirá realizar unha estadía de inmersión lingüística en Irlanda entre o 27 de xullo e o 24 de agosto.
Durante a súa estancia, o alumnado convivirá con familias irlandesas e asistirá a clases nun centro de idiomas, ademais de participar en diversas actividades culturais e de lecer. Desde a súa publicación na web municipal, ábrese un prazo de dez días hábiles para aceptar as prazas adxudicadas. En caso de renuncia, recorrerase á listaxe de agarda, formada por outras 31 solicitudes que cumpren os requisitos.
O programa está dirixido a estudantes matriculados en centros educativos da cidade que cursen 1º de Bacharelato no curso 2024-2025, e que acadasen unha media mínima de 6 no último curso de ESO, sen materias suspensas, e unha nota de 7 ou máis en inglés.
Financiado integramente polo Concello da Coruña, o programa conta cun orzamento próximo aos 150.000 euros. En función dos ingresos familiares, as achegas municipais cobren entre o 65 % e o 100 % do custo total. A baremación definitiva establece que 23 das 32 prazas estarán completamente financiadas. A achega pública cobre os desprazamentos, a estadía en Irlanda, as clases, as actividades complementarias, os monitores/as e o seguro durante todo o mes.
“A iniciativa supón unha oportunidade real para o alumnado coruñés de mellorar o seu nivel de inglés nun contexto internacional e intercultural, ademais de contribuír ao seu desenvolvemento persoal”, destacou o concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, quen subliñou tamén “o esforzo económico que realiza o Concello para garantir que ningún estudante quede fóra por motivos económicos”.
O programa Idiomas do Mundo 2025 enmárcase na estratexia municipal de apoio ao alumnado da cidade, promove a aprendizaxe de linguas estranxeiras e o intercambio cultural como ferramentas para o desenvolvemento persoal e educativo. A iniciativa contribúe a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á formación internacional, en liña co compromiso do Goberno de Inés Rey cunha educación pública de calidade e inclusiva.
As familias do alumnado seleccionado, así como as dos dez primeiros estudantes en listaxe de agarda, están convocadas a unha reunión informativa o vindeiro luns 2 de xuño, ás 18.30 h, no salón de actos do Centro Cívico de San Diego.
As listaxes definitivas poden consultarse a través da web municipal no seguinte enlace: www.coruna.gal/educacion/gl/programas-educativos/detalle-programa/idiomas-do-mundo 2025/contenido/1453870414778