O Concello amosa a súa capacidade operativa en emerxencias aos responsables do 112 e a Xunta

Redacción

O Concello de Oleiros recibiu hoxe a visita de Marcos Araújo, xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) 112, e de Víctor Vázquez, xefe de servizo provincial da Xunta de Galicia. O obxectivo desta xornada foi comprobar sobre o terreo as capacidades operativas e a eficiencia do Servizo Municipal de Emerxencias do municipio.

Os representantes autonómicos foron recibidos polo alcalde, Ángel García Seoane, a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Figueroa, o coordinador en funcións do servizo, Gerardo Vázquez, e o inspector xefe da Policía Local, Miguel Viqueira, quen participou activamente no encontro para coordinar a visión integral da seguridade no concello. Xunto aos membros de garda do servizo, a comitiva realizou un percorrido polas instalacións municipais.

Durante a visita, os responsables puideron coñecer de primeira man os medios materiais e humanos dos que dispón Oleiros, así como os protocolos de actuación e coordinación técnica que se activan ante diferentes situacións de risco. Esta colaboración entre os corpos de seguridade e emerxencias é fundamental para garantir a rápida resposta que caracteriza ao servizo de Oleiros.

O Goberno local aproveitou o encontro para pór en valor o esforzo investido no mantemento dun servizo de emerxencias profesionalizado e dotado coas mellores ferramentas, asegurando así a máxima protección para toda a veciñanza.

Comparte este artigo