A Xunta de Goberno adxudica a redacción do proxecto das obras de iluminación da praza das Praterías e a construción dun parque infantil en Berdía

Redacción

A voceira do executivo local, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos aprobados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno, entre os que salientou a dación de conta da firmeza da sentenza referente ao recurso contencioso que presentou a Asociación Unión Hotelera contra a ordenanza reguladora do imposto ás estadías turísticas.

A Xunta de Goberno acordou adxudicar en 121.000 euros (IVE incluído) o contrato negociado para a redacción do proxecto e a dirección facultativa das obras de iluminación na praza das Praterías. A empresa adxudicataria, Intervento 2 SL, salientou a tamén edil de Turismo, “foi seleccionada no concurso internacional que se convocou no marco do Plan de sustentabilidade turística, que estamos desenvolvendo desde o Concello en colaboración coa Dirección Xeral de Turismo e co Ministerio de Turismo”.

O xurado do concurso valorou a proposta de Intervento con 95 dos 100 puntos posibles ao considerar que resolve a necesidades patrimoniais e as condicións ambientais da Cidade Histórica atendendo con delicadeza as sutilezas da noite compostelá. A concelleira apuntou tamén que “a concreción do proxecto definitivo, que Intervento terá que desenvolver nun prazo máximo de 7 meses e medio vai achegar un novo atractivo ao corazón da Cidade Histórica. Ten 2 meses e medio para redactar o proxecto e despois 5 meses para executalo coa súa dirección facultativa, prazo que poderá sufrir modificacións unha vez entregado o proxecto.

A edila tamén salientou a adxudicación á empresa Ouri Entretenimientos SL do contrato para a execución dun parque infantil e unha zona de actividades biosaudables na contorna da antiga estación de Berdía. O orzamento de adxudicación sitúa o investimento, incluído no POS+ 2025, en 129.243,73 euros (IVE incluído).

A obra acondicionará unha área de xogos, cunha superficie de 269,42 m2, outra de instalacións para exercicio, con 275,89 m2, e unha senda peonil intermedia de 89,08 m2. Incluirá dous módulos de balancíns, un bambán tipo niño e un tobogán con castelo, cinco elementos de actividades biosaudables e un circuíto de calistenia.

Así mesmo, dentro dos puntos de contratación, acordouse prorrogar polo prazo dun ano o contrato do servizo de mantemento das instalacións de protección contra incendios dos edificios e locais municipais subscrito coa empresa Jomar Seguridad SL, dede o 1 de decembro de 2026 ata o 30 de novembro de 2027, cun gasto de 21.810,05 €.

Sentenzas

No tocante aos asuntos xudiciais, a Xunta de Goberno tomou conta da firmeza da sentenza referente ao recurso contencioso que presentou a Asociación Unión Hotelera contra a ordenanza reguladora do imposto as estadías turísticas.

Segundo explicou Louzao, “o Tribunal Superior de Xustiza rexeitou integramente os sete motivos de impugnación presentados por Unión Hotelera facendo seus os argumentos da representación municipal”.

A sentenza impón as custas a Unión Hotelera. “Non cabe xa recurso ningún e queda definitivamente acreditado que se cumpriron todos os requisitos legais na elaboración da norma que sustenta a apliación en Compostela do imposto de estadías”, subliñou a concelleira que tamén deu conta “dunha nova sentenza favorable á declaración de ineficacia da comunicación previa de actividade e á baixa no REAT dunha vivenda de uso turístico no ámbito do Plan especial da Cidade Histórica”.

Urbanismo

En canto aos asuntos do ámbito urbanístico, Míriam Louzao salientou en primeiro lugar, a aprobación definitiva dos estatutos e bases de actuación da Xunta de Compensación do polígono 1 do SUND-4 de Rebordaos, na zona de San Caetano, logo de que en febreiro de 2025 quedase aprobado o Plan parcial que ordena o ámbito, formulado por iniciativa privada.

O Plan parcial fixou como sistema de actuación o da compensación ou concerto, para o que agora se aproban os estatutos e bases que rexerán a Xunta de Compensación. As persoas promotoras reúnen máis do 50% da superficie do polígono, que é o mínimo necesario, sen prexuízo de que se adhiran posteriormente máis propiedades. O prazo para constituír a Xunta de Compensación é de tres meses.

En segundo lugar, deu conta da aprobación da modificación puntual do Plan de sectorización do SUNP-25 de Roxos no ámbito da parcela H1 para mudar o uso característico hoteleiro polo residencial. A partir da publicación do anuncio sobre esta modificación no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiros de edictos do Concello abrirase o período de exposición pública polo prazo dun mes.

En canto ás licenzas urbanísticas, a Xunta de Goberno autorizou as seguintes: a división dunha vivenda en dúas na rúa de Santiago de Chile, 4; o acondicionamento dun local en planta baixa para uso de garaxe na rúa da Benéfica de Conxo, 42, e mais a reforma de elementos comúns do edificio sito na Rúa dos Bautizados, 5-7.

Comparte este artigo