HomeA CoruñaO Concello apunta á licitación do servizo de conciliación como "a única...

O Concello apunta á licitación do servizo de conciliación como “a única vía” para manter os programas tras a última reforma laboral

- Anuncio -spot_img

O Concello da Pobra do Caramiñal iniciou o proceso de licitación dos servizos municipais de conciliación familiar. Ata o de agora, o servizo víñase prestando, directamente, pola propia Administración local mediante a contratación temporal de monitoras. O cambio de xestión está motivado tras a última reforma laboral, que impide formalizar contratos temporais para cubrir servizos de carácter estrutural e continuado. Ao mesmo tempo, na actual Relación de Postos de Traballo (RPT) non están incluídos os postos das monitoras dos servizos de conciliación e, aínda que estes estivesen contemplados, a actual taxa de reposición impediría cubrilos de xeito inmediato.

Ante esta situación, o Concello viuse obrigado a externalizar estas prestacións mediante un procedemento de licitación pública, garantindo así a continuidade de programas esenciais para a conciliación da vida laboral e familiar, como son o servizo de madruga, o de comedor ou os obradoiros en días non lectivos e o obradoiro de verán Móvete! .

O proceso de licitación é aberto e está publicado na plataforma de contratación do estado tal e como esixe a lei, dándoselle publicidade, ademais, a través dos medios, da páxina web e das redes sociais coa finalidade de darlle opción a todas aquelas empresas que queiran concursar.

Dende o goberno local comprenden o malestar das traballadoras que están na bolsa de emprego, “e que viñan prestando os servizos desde os últimos anos, pero seguindo o que marca a normativa vémonos na obriga de sacar a prestación a licitación”, apunta o executivo. Un contrato co que, tal e como sinalan, “se busca, precisamente, garantir os mesmos estándares de calidade e atención aos nenos e nenas”.

Tal e como explican o alcalde, José Carlos Vidal, e a edil de Igualdade, Estefanía Ramos, “o noso compromiso é manter estes servizos fundamentais para as familias do municipio, garantindo a súa estabilidade e calidade, ao tempo que cumprimos coa legalidade vixente. É por iso que non nos quedou outro remedio que cambiar o modelo de xestión para regularizar a situación”. O rexedor e a concelleira de Igualdade reuniranse, ao longo desta semana, coas traballadoras do servizo, atendendo á solicitude trasladada o pasado venres, 23 de maio, polo persoal.

Publicacións Relacionadas