· A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e o concelleiro de Mocidade, Eloy Sobrido, presentaron, esta mañá, o programa da cita, que se celebrará o 28 de xuño.
Tras acadar unhas boas cifras de participación durante a edición inaugural, o Concello volverá celebrar a súa Choqueirada de Verán. A cita, na que a música e os disfraces se converten nos grandes protagonistas, será o sábado, 28 de xuño, e terá a Nebulossa como cabeza de cartel. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e o edil de Mocidade, Eloy Sobrido, presentaron, esta mañá, o programa de 2025, co que confían superar os números do ano pasado. O obxectivo, tal e como explicaron os edís, é ofrecer á veciñanza unha celebración “cultural singular e divertida” máis aló dos meses de xullo e agosto, cando hai unha maior actividade no municipio.
Durante a presentación, os concelleiros explicaron que, tras o interese que se suscitou na Choqueirada de Verán do 2024, o goberno decidiu “redobrar a súa aposta por este evento ampliando o horario e a oferta de actividades”. Deste xeito, a diferencia que no 2024, a cita desenvolverase en horario de mañá e de tarde, entre as 12.30 horas e a madrugada.
Os edís animan á veciñanza, non só a tomar parte no evento, senón a facelo “cos seus mellores disfraces”. Ademais do compoñente cultural e de lecer, a Choqueirada de Verán supón un importante revulsivo para a economía local da Pobra. Así, tal e como lembraron Lojo e Sobrido, na primeira edición “moitos negocios tiñan reservas para toda a xornada”.
Programación
O festexo arrincará o sábado, 28 de xuño, ás 12.30 horas, cun pasacalles no que Latexo Percusión percorrerá as distintas rúas do municipio. O colectivo realizará un segundo pase ás 14.00 horas.
A programación retomarase pola tarde con dous concertos de grupos locais e tamén da comarca. A sesión vespertina comezará ás 18.30 horas coa banda de versións Ajencia Trivutaria, que actuará no Cantón da Leña. Ás 20.30 horas tomará a remuda o trío musical electro-acústico Leite con Jalletas na praza do Emigrante.
A música continuará ás 23.00 horas, momento no que o grupo Nebulossa subirá ao escenario da praza Alcalde Segundo Durán para interpretar algúns dos seus temas máis recoñecidos. Dentro do repertorio, non faltará Zorra, a canción coa que representaron a España no Festival de Eurovisión en 2024, nin tampouco outras como Venenosa, o seu último sinxelo. A Choqueirada de Verán concluirá cunha macrodisco móbil na praza Alcalde Segundo Duran a cargo de Eme Músic.