En paralelo, avanzan as tarefas para reordenar a explanada-aparcadoiro que está a carón da Cidade Deportiva, onde tamén se gañan outras 18 prazas
O Concello avanza co plan de melloras previsto nos accesos á contorna da Torre de Hércules e a Cidade Deportiva Arsenio Iglesias, onde esta semana remataron as obras de reurbanización executadas a carón da rotonda principal, ideadas para mellorar a mobilidade e a circulación do tráfico nesta parte do paseo marítimo.
Os traballos, que supuxeron un investimento de 150.000 euros, comezaron coa retirada dos antigos raís de tranvía —infraestrutura en desuso—, unha medida que o Goberno local está a executar de forma progresiva ao longo do paseo para evitar riscos de seguridade viaria.
Isto abriu camiño, xa posteriormente, á renovación integral do firme entre o antigo cárcere e a avenida de Navarra.
Ademais, a remodelación dos espazos próximos á rotonda permitiu habilitar 30 novas prazas gratuítas para o estacionamento de vehículos, xa visibles e delimitadas no lateral que linda co parque Carlos Casares, onde tamén se ampliaron e renovaron as beirarrúas.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que, en paralelo á creación desta nova bolsa de estacionamento no lateral da rotonda, o Concello traballa estes días na reordenación da explanada-aparcadoiro da Torre, que tamén sumará 18 prazas gratuítas para vehículos nun enclave onde as visitas ao faro e a actividade diaria na Cidade Deportiva, ben por adestramentos ou xornadas de competición, rexen especialmente os fluxos de circulación.
Díaz informou de que os traballos na contorna da rotonda están concluídos, onde só resta por poñer a cota as tapas de rexistro na calzada, “unha tarefa que, como é habitual ao aglomerar, sempre se executa ao final da intervención”. Neste sentido, a empresa adxudicataria do servizo traballa estes días en diversos puntos da cidade onde nos últimos meses se renovou o firme (San Roque, o treito do paseo entre Torre e Aquarium, a estrada de Bens) para nivelar as tapas e completar o plan de actuacións.

