O Concello da Coruña presenta Nocturnia 2026 con 107 actividades e 1.415 prazas para a mocidade

Redacción
Lectura mínima de 3

O programa municipal de lecer saudable desenvolverase entre abril e xullo con propostas gratuítas de natureza, cultura, tecnoloxía e deporte

As inscricións para as primeiras actividades xa están abertas e poderán formalizarse ata este xoves 23 a través da web municipal

O Concello da Coruña presenta unha nova edición de Nocturnia, o programa municipal de lecer saudable para a mocidade, que nesta convocatoria primavera-verán ofrecerá 107 actividades e 1.415 prazas entre os meses de abril e xullo. “Esta iniciativa do Goberno de Inés Rey consolídase como unha das principais propostas municipais de ocio alternativo para as fins de semana, cunha programación gratuíta e diversa pensada para responder aos intereses da mocidade coruñesa”, indicou Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade.

A edición de 2026 reforza a variedade da oferta, combinando actividades ao aire libre, obradoiros creativos, propostas tecnolóxicas, experiencias culturais e disciplinas deportivas.
Entre as novidades desta convocatoria figuran a vía ferrata da Senda do Santo, en Cedeira; a escapada natural á costa de Dumbría durante unha fin de semana; os talleres NocturniaTech dedicados á iniciación á programación e á lóxica e á creación con intelixencia artificial; o taller de proxector estenopeico para observar o eclipse solar de forma segura; a produción musical con LMMS; o roteiro ambiental urbano sobre os anfibios da cidade e o taller de electrónica sostible.

Xunto a estas novas propostas, Nocturnia recupera tamén actividades con grande demanda entre a mocidade, como as rutas medioambientais por espazos singulares de Galicia — entre elas Costa de Xove, Faro de Cabo Home, Cabo Touriñán e Caldeiras do Castro ou a ruta dos Fornos con entrada á Mina Consuelo e tirolina—, os obradoiros artesanais de linogravado, estampación, colaxe, bordado e arte sostible, os itinerarios dramatizados sobre a historia da cidade e actividades deportivas como a iniciación ao surf, a escalada na rocha, as telas aéreas ou o roller derby.

Nereida Canosa subliñou que “Nocturnia segue a ser unha ferramenta moi valiosa para ofrecerlle á mocidade alternativas de lecer atractivas, gratuítas e saudables, pensadas desde a convivencia, a creatividade e a participación”. A edil destacou ademais que “esta edición amplía a oferta e incorpora novos formatos e contidos, desde a natureza e o deporte ata a creación dixital e a experimentación artística”.

As inscricións para as actividades dos días 24 e 25 de abril permanecerán abertas ata este xoves 23. A partir de aí, os prazos de reserva iranse abrindo semanalmente para as actividades de cada fin de semana. A programación completa e toda a información sobre as inscricións poden consultarse na web municipal coruna.gal/nocturnia e no perfil @nocturniacoruna.

Comparte este artigo