O Concello de Carballo impulsa novas accións para reducir os residuos orgánicos desde os fogares

Redacción

O Concello de Carballo pon en marcha novas accións orientadas á mellora da xestión dos biorresiduos, neste caso cunha dobre proposta destinada a reducir a cantidade de residuos orgánicos que se xeran nos fogares: a entrega gratuíta de novos composteiros domésticos e un curso práctico sobre aproveitamento alimentario e redución do desperdicio de alimentos.

As dúas iniciativas forman parte das actuacións municipais dirixidas a incrementar a eficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal e están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Por unha banda, o Concello vén de abrir unha nova campaña de fomento da compostaxe doméstica, mediante a entrega gratuíta de composteiros de 400 litros a persoas residentes en vivendas unifamiliares que dispoñan dunha parcela ou horta cunha superficie mínima de 25 metros cadrados. As persoas interesadas poden realizar a súa solicitude a través da web municipal, www.carballo.gal, ou chamando ao teléfono 981 704 100.

Con esta actuación búscase facilitar á veciñanza unha ferramenta sinxela para transformar os restos orgánicos dos fogares en compost e reducir así a cantidade de residuos que deben entrar no sistema municipal de recollida e tratamento.

A campaña permite, ademais, recuperar e actualizar unha práctica tradicional moi estendida no ámbito rural, como é o aproveitamento dos restos orgánicos, adaptándoa a un sistema máis cómodo, hixiénico e eficiente.

Aprender a aproveitar mellor os alimentos
Nesta mesma liña de prevención, a Concellaría de Medio Ambiente e Servizos organiza para o 2 de outubro un curso sobre aproveitamento alimentario e redución do desperdicio, aberto á participación de toda a cidadanía.

A actividade desenvolverase de 16.00 a 18.00 horas na Escola de Hostalería, situada no Fórum Carballo. Hai 20 prazas, polo que será necesaria inscrición previa a través do formulario habilitado polo Concello.

Durante a sesión ofreceranse pautas e recursos prácticos para aproveitar mellor os produtos alimentarios, planificar o seu consumo e evitar que alimentos que aínda poden ser utilizados acaben converténdose prematuramente en residuos.

A compostaxe doméstica e a prevención do desperdicio alimentario inciden así en dous momentos distintos dun mesmo proceso: por unha banda, evitar que se xeren residuos innecesarios e, pola outra, ofrecer unha solución para aproveitar os restos orgánicos que finalmente se producen.

Comparte este artigo