O Concello de Carballo reforza a súa aposta polo polígono industrial de Bértoa con novos investimentos por máis de 240.000 euros

Redacción

En marcha as obras dun novo aparcadoiro no viveiro de empresas

O Concello de Carballo continúa a mellorar as infraestruturas e os servizos do parque empresarial de Bértoa cun conxunto de actuacións que teñen como obxectivo atender as necesidades das empresas, das persoas usuarias e dos profesionais que desenvolven a súa actividade no polígono. Neste momento está en plena execución o novo aparcadoiro público situado xunto ao viveiro de empresas, ao que se suman a báscula para vehículos pesados e as novas casetas de oficina e vestiarios, xa rematadas e pendentes de entrar en servizo, así como a renovación da sinalización viaria realizada pola brigada municipal de obras.

O acondicionamento da parcela municipal anexa ao viveiro de empresas para convertela nun aparcadoiro público permitirá dar resposta á carencia de estacionamento existente nesta zona do polígono. O proxecto inclúe unha vía de acceso de 95 metros de lonxitude e a urbanización de 1.080 metros cadrados, con pavimento de formigón no carril de circulación e pavimento drenante na zona destinada aos vehículos, ademais de sinalización horizontal e vertical e drenaxe de augas pluviais.

O investimento previsto nesta actuación ascende a 48.298,38 euros. O Concello conseguiu para a súa execución unha subvención da Consellería de Economía e Industria por importe de 38.638,70 euros, equivalente ao 80 % do investimento subvencionable.

Novos servizos para o transporte pesado
O Concello ten tamén rematada a instalación dunha báscula para camións, acompañada dunha zona de acceso e circulación especialmente deseñada para vehículos pesados. A actuación nace precisamente da necesidade de dotar o parque empresarial dun servizo de pesaxe para os camións que realizan transportes con orixe ou destino nas empresas instaladas en Bértoa.

O proxecto incluíu tanto a propia báscula, instalada de forma empotrada, como os accesos, pavimentos preparados para tráfico pesado, acometidas e sinalización. O orzamento ascendeu a 146.814,46 euros.

Tamén están tamén listas as novas casetas de servizo, que inclúen unha zona de oficina e instalacións sanitarias con duchas e vestiarios destinadas especialmente aos profesionais do transporte que traballan ou realizan operacións no polígono. A creación destes servizos foi unha das actuacións formuladas para mellorar as condicións das persoas transportistas que se desprazan diariamente ata Bértoa. Neste caso, o orzamento foi de 46.462,38 euros.

En conxunto, só estas tres actuacións —aparcadoiro, báscula e casetas— representan 241.575,22 euros, dentro da aposta do Concello por seguir modernizando o parque empresarial e dotándoo de máis e mellores servizos.

Mellora da sinalización
A estes investimentos súmase o traballo realizado directamente con medios municipais. A brigada municipal de obras acaba de renovar a pintura da sinalización viaria horizontal do polígono, unha intervención orientada a mellorar tanto a seguridade como a ordenación da circulación nun espazo cunha importante presenza diaria de vehículos pesados.

O Concello de Carballo tamén se encargou da sinalización das paradas de autobús habilitadas pola Xunta de Galicia no polígono, situadas na rotonda principal da rúa Volframio e fronte ao centro municipal de promoción económica, que está cedido á asociación de empresarios/as para a súa actividade diaria.

As distintas actuacións forman parte dunha mesma liña de traballo municipal: seguir mellorando as infraestruturas do parque empresarial de Bértoa, facilitar a actividade das empresas instaladas nel e ofrecer mellores condicións tanto ás persoas traballadoras como aos transportistas, emprendedores/as e demais usuarios/as do polígono.

Comparte este artigo