O Concello de Oleiros despregará máis de cen efectivos para garantir a seguridade durante a observación da eclipse solar

Redacción

O Concello de Oleiros activará un amplo dispositivo especial de seguridade e mobilidade con motivo da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. O operativo, no que tamén participará a Garda Civil, contará con máis de cen efectivos municipais pertencentes á Policía Local, Servizo Municipal de Emerxencias, Protección Civil, Servizo de Salvamento e Socorrismo co obxectivo de garantir a seguridade das persoas e minimizar as afeccións ao tráfico.

Ante todo, o Concello fai un chamamento á responsabilidade e á colaboración cidadá, solicitando que se sigan en todo momento as indicacións das forzas de seguridade. Durante toda a xornada haberá presenza permanente da Policía Local, do Servizo Municipal de Emerxencias e de Protección Civil para informar e orientar a toda a cidadanía, regular a mobilidade e resolver incidencias.

RESTRICIÓNS AO TRÁFICO

Unha das principais recomendacións é non utilizar o vehículo particular, sempre que sexa posible. A mellor opción será desprazarse a pé ou en bicicleta, evitando así colapsos de tráfico que poidan dificultar tanto a mobilidade como a actuación dos servizos de emerxencia. Dada a existencia de numerosos parques e espazos públicos en todas as localidades, non é necesario grandes desprazamentos para contemplar a eclipse.

Durante a xornada estableceranse restricións de circulación nos accesos a varios dos puntos de maior afluencia de público. O acceso en vehículo quedará limitado exclusivamente aos residentes nesas zonas:

– Accesos ao Faro de Mera e Seixo Branco: o tráfico quedará cotado na rúa Celso Emilio Ferreiro (á altura do salón de peiteados Xosbert). Tampouco se poderá acceder desde o camiño do Mazadoiro.
– Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes: haberá restricións de acceso polas distintas rúas de entrada ao Monumento Natural na parroquia de Dexo.
– Canide: a avenida do Morro de Canide non estará aberta á circulación de vehículos.
– Boi de Canto e As Margaritas: o acceso para coches estará cortado desde a rúa do Mar.

Para os desprazamentos recoméndase utilizar prioritariamente a Vía Ártabra e a N-VI, que actuarán como principais vías alternativas para acceder e saír do municipio. O Concello solicita que se respecten en todo momento a sinalización provisional, os cortes de tráfico e as instrucións dos efectivos despregados.

ZONAS DE EXCLUSIÓN

Co fin de preservar a seguridade das persoas e protexer espazos de elevado valor ambiental, establécense tamén varias zonas excluídas para a observación da eclipse, nas que non estará permitido o acceso do público. Estas zonas son:

– O Castelo de Santa Cruz.
– As áreas protexidas do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes.
– Os cantís de toda a costa do municipio.

Estas restricións responden tanto ao risco que supón a concentración de persoas en zonas de difícil acceso como á necesidade de preservar espazos naturais especialmente sensibles.

PRAIAS

Outro dos mellores puntos de observación da eclipse será nas praias e no medio marítimo. O Concello ten previsto un importante despregamento do Servizo de Salvamento e Socorrismo, cun total de 5 embarcacións que vixiarán tanto areais como cantís. Desde as 19:30 horas non estará permitido o baño nas praias dada a imposibilidade de bañarse coas gafas homologadas, así como pola redución da visibilidade polo efecto da eclipse.

No caso de producirse algunha emerxencia grave, deberá chamarse inmediatamente ao 112, evitando utilizar este servizo para consultas ou incidencias menores. Igualmente estarán operativos tanto os teléfonos da Policía Local (981 610 001) como o 062 da Garda Civil, para o que tamén se recomenda un uso responsable dada a excepcionalidade da xornada e das situacións que se poidan dar.

O Concello lembra tamén que a observación da eclipse debe realizarse exclusivamente con gafas homologadas para a observación solar, xa que mirar directamente ao sol sen protección certificada pode provocar lesións irreversibles na vista.

O Concello de Oleiros agradece de antemán a comprensión, responsabilidade e cooperación da cidadanía para que este acontecemento histórico poida desenvolverse con total seguridade e converterse nunha experiencia inesquecible.

Comparte este artigo