O Concello de Oleiros organiza unha ruta pola Serra da Enciña da Lastra: descubrindo unha paisaxe única en Galicia

Redacción

O Concello de Oleiros organiza o vindeiro 23 de maio unha ruta pola Serra da Enciña de Lastra (Ourense).

O vindeiro sábado 23 de maio terá lugar unha nova edición do programa Andares por Galicia, a Cultura da Natureza, organizado polo Concello de Oleiros.A Ruta pola Serra da Enciña da Lastra é a mellor ruta para coñecer este parque natural tan singular na xeografía de Galicia. Un percorrido de 12,5 km entre Biobra e Vilardesilva pasando por Covas aproveitando os sendeiros sinalizados do Parque Natural.

Durante o percorrido visitaranse puntos de interese como o paque natural Serra da Enciña da Lastra, biodiversidade de orquídeas na Lastra, aciñeira senlleira de Covas, arquitectura popular de Vilardesilva, ermida de santo Estevo de Pardollán, encoro de Penarrubia, estreito do Sil, Covas (paisaxe calcaría), minas de pintura de Pardollán, forno de cal, vexetación mediterránea e aves rapaces nidificant… para rematar cunha visita cultural ao centro de visitantes do parque natural (Biobra).

Este Programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.

Esta saída contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas dirixidas a persoas maiores de idade, cun prezo de 23 euros, e preferencia para persoas empadroadas no Concello de Oleiros.

As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do luns 11 de maio ás 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. Ocuparanse as prazas por sorteo entre todas as solicitudes rexistradas entre o luns 11 ás 10.00 horas e o martes 12 ás 14.00 horas e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.

Enlace inscrición: https://sede.oleiros.org/sta/CarpetaPublic/doEvent?APP_CODE=STA&PAGE_CODE=CATALOGO&DETALLE=6269007486803517505301

Para obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org

Comparte este artigo