- O acto serviu, así mesmo, para presentar Especies invasoras, o libro co que Branca Trigo gañou a edición de 2025.
Baldo Ramos e Sara Plaza recibiron, esta tarde, o galardón que os acredita como gañadores da 29º edición do Premio de Poesía Concello de Carral. Os autores levaron o galardón pola súa obra Porcelana e chumbo, que foi elixida entre os 77 traballos presentados. A cita, á que asistiron o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, e o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, serviu tamén para presentar Especies invasoras, o poemario co que Branca Trigo acadou o premio no 2025.
Ao acto acudiron tamén a concelleira de Cultura, Isabel López, e os concelleiros e concelleiras do goberno local e da corporación municipal. O técnico de Cultura e secretario do xurado desta edición, Carlos Lorenzo, foi o condutor do evento.
Durante a súa intervención, o rexedor aproveitou a súa intervención para felicitar aos vencedores, e destacou a traxectoria deste certame poético “que é toda unha referencia a nivel autonómico”. Fernández Mouriño avanzou que “o Concello organizará unha programación especial con numerosas actividades para seguir achegando este xénero literario a toda a poboación” no 2027, cando o Premio de Poesía chegará á súa 30ª edición.
Ademais da presentación das obras, no acto interviñeron tamén a poeta e membro do xurado deste ano, Miriam Ferradás, e o escritor e director de Edicións Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Bello. Así mesmo, o evento incluíu unha actuación musical a cargo de Francisco Castro.
no acto tamén interveñen a poeta Miriam Ferradás como membro do xurado deste ano e Miguel Anxo Fernán Vello, escritor e director de Edicións Espiral Maior.
Decisión unánime
Porcelana e chumbo foi escollida de xeito unánime polo xurado da vixésimo novena edición. Das 77 obras presentadas ao concurso, o tribunal da convocatoria concedeu o galardón a este poemario destacando que a escrita aparece como unha forma de acompañar a perda, a cegueira e a memoria moi presentes en todo o traballo. Así mesmo, púxose en valor a madurez expresiva, a densidade poética e as imaxes innovadoras que afondan nos grandes temas universais: a soidade, o paso do tempo e o valor do íntimo.
Baldo Ramos (Celanova, 1971), que xa obtivera o galardón na 5ª edición, é autor dunha vintena de libros entre os que despuntan os seguintes títulos: A árbore da cegueira (2002), El sueño del murciélago (2003), Escura e transparente (2005), Monólogo do calígrafo (2008), Palimpsesto (2009), Palabras para un baleiro (2009), A ferida de comprender (2011), Cartografía do exilio (2014), Cartas dende o esquenzo (2018), Palabras sen ninguén (2019), Porque te quero (2020) ou No interior do abandono (2020).
Sara Plaza (Bustarviejo, 1972) é unha escritora, tradutora e ilustradora española en lingua galega. Malia que non naceu en Galicia, entrou en contacto coa lingua galega a través de xornais dixitais, programas culturais da TVG e portais na rede e gañou, no 2020, a XXXIII edición do premio de poesía Pérez Parallé coa obra Todos os pasos fan ruído.

