O Concello ofrece o seu apoio ás familias afectadas pola falsa promoción de vivendas da Pezoca

Redacción

O Concello de Oleiros manifesta o seu apoio ás familias afectadas por unha promoción inexistente de vivendas unifamiliares situada supostamente na zona da Pezoca, tras coñecerse que varias persoas non conseguiron recuperar as cantidades entregadas para a adquisición dunhas vivendas que nunca chegaron a obter licenza urbanística. Nalgúns casos, os importes achegados superan os 15.000 euros por familia.

O Goberno municipal considera especialmente grave que se solicitaran e percibiran cantidades económicas para a adquisición de vivendas sen contar coa preceptiva autorización urbanística, unha situación que provocou importantes prexuízos económicos ás familias afectadas.

Co obxectivo de facilitar a defensa dos seus dereitos, o Concello porase á disposición das persoas afectadas para entregar toda a documentación administrativa que poida resultar de interese e colaborará coas autoridades competentes no esclarecemento dos feitos.

Así mesmo, o Concello lembra á cidadanía a importancia de comprobar previamente a situación urbanística de calquera promoción inmobiliaria antes de realizar entregas económicas. Para iso, calquera persoa interesada pode solicitar nos servizos municipais a información urbanística correspondente sobre parcelas, inmobles ou promocións, garantindo así que dispón de información oficial e veraz antes de formalizar unha operación de compravenda.

O Concello de Oleiros reafirma o seu compromiso coa defensa da legalidade urbanística e coa protección dos dereitos da veciñanza, actuando con todas as garantías que establece a normativa para evitar que situacións como esta se repitan.

Comparte este artigo