O acto, que terá lugar o domingo 25 de maio, inclúe unha conversa arredor das mulleres homenaxeadas e unha intervención musical do dúo Casás&Barcia
O Concello da Coruña culmina este domingo, 25 de maio, a súa programación institucional polo Día das Letras Galegas 2025 cun acto moi especial na Fundación Luís Seoane. A sesión estará centrada na figura das cantareiras homenaxeadas pola Real Academia Galega, recoñecidas polo seu papel fundamental na transmisión da cultura oral galega.
A partir das 11:30 h terá lugar unha conversa aberta sobre a vida e legado de Adolfina e Rosa Casás Rama (Vila da Igrexa, Cerceda), Eva Castiñeira Santos (Agranzón, Muxía), Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda (Mens, Malpica). Participarán Richi Casás, Isabel García e José Manuel Fdez. Pensado (A.F. Aturuxo), o escritor Xosé Manuel Varela, a filóloga e música Icía Varela e a xornalista Gemma Malvido.
Como peche do acto, ás 13:00 h, terá lugar unha intervención musical a cargo do dúo Casás&Barcia, cun repertorio baseado na tradición oral das mulleres homenaxeadas.
Este encontro na Fundación Luís Seoane pon fin á programación municipal organizada entre os días 16 e 18 de maio, na que a cidade acolleu concertos, foliadas, teatro, pasarrúas e actividades familiares que celebraron a lingua e a cultura galegas, coas cantareiras como fío condutor.
Con esta homenaxe final, o Goberno de Inés Rey reafirma o seu compromiso co recoñecemento das mulleres na cultura galega e coa posta en valor do patrimonio inmaterial como ferramenta de identidade e cohesión social.
Outras propostas culturais de interese
A programación cultural arredor do Día das Letras Galegas continúa nas vindeiras semanas con actividades de interese promovidas por diferentes entidades da cidade, que completan e prolongan o espírito da celebración:
● Ata o 1 de xuño, pode visitarse na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga a mostra “70º aniversario da A.F. Aturuxo. Pandereteiras de Mens”, unha homenaxe visual ao legado das mulleres protagonistas desta edición.
● O domingo 25 de maio, o Centro Ágora acollerá dúas sesións do XXXIV Concurso de Música Tradicional Xacarandaina, ás 11:00 e ás 16:00 h.
● O martes 27 de maio, dentro do programa Apego, terá lugar no Centro Ágora o espectáculo infantil “Dende Rosalía ata as cantareiras. As mulleres nas letras”, da compañía A Xanela do Maxín, con pases ás 17:00 e 18:30 h (requírese inscrición previa).
● O venres 30 de maio, ás 21:00 h, celebrarase no mesmo espazo o concerto de Xosé Lois Romero e Aliboria, dentro do ciclo AgoraSón Primavera, en colaboración coas Bibliotecas Municipais (entrada por invitación).
● Xa en xuño, o sábado 7 terá lugar unha nova andaina cultural do ciclo A Coruña das Letras, titulada “As rúas que soan: da Pescaría ao Campo da Leña. Ópera ambulante”, guiada por Xurxo Souto (ás 11:30 h, con inscrición previa).
● O sábado 14 de xuño, tamén ás 11:30 h, realizarase a andaina “Historias ocultas da música popular: tras das pegadas de Manuel Cajaraville e as Pandeireteiras de Mens”, tamén guiada por Xurxo Souto.
Estas propostas completan unha ampla oferta cultural na cidade, coa música tradicional e a memoria das mulleres como fío condutor, prolongando así o espírito das Letras Galegas máis aló do 17 de maio.