Máis dunha corentena de colexios de 11 municipios participarán nas actividades e talleres que se despregarán este ano nos Xardíns de Méndez Núñez
O sábado 9 de maio, entre as 11.00 e as 19.00 horas, volven á cidade as tradicionais actividades do ciclo Ciencia na rúa, coa participación do Concello, dos Museos Científicos Coruñeses, da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e da Cátedra EMALCSA-UDC. Será unha xornada repleta de charlas, ciclos, experimentos e talleres para todos os públicos, con especial participación do alumnado dos colexios. En total, 44 centros educativos da Coruña, Cambre, Carral, Arteixo, Culleredo, Coristanco,Oleiros, Ordes, Ribadeo, Ortigueira, Baio e Poio.
“O día da Ciencia na rúa, que este ano cumpre 30 edicións, é moi especial para a cidade, porque é unha ocasión para pasear e airear todo o coñecemento, todo o valor investigador e todo o potencial educativo que temos, apoiado en extraordinarios profesionais e persoal experto e, por suposto, tamén na curiosidade incansable dos nosos nenos e nenas”, subliñou hoxe a alcaldesa, Inés Rey, na presentación dos actos desta edición, na que estivo acompañada polo concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego e polo responsable da rede de Museos Científicos, Marcos Pérez.
Este ano, debido ás obras de remodelación que están a executarse no Parque de Santa Margarida, as actividades deste lugar trasládanse aos Xardíns de Méndez Núñez, con 54 espazos nos que alumnado, profesorado e persoal de centros educativos, institucións científicas e centros universitarios despregarán o seu programa para todos os públicos.
Ademais, nos soportais da Casa das Ciencias desenvolveranse tamén actividades paralelas ofrecidas pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, a Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, Bricolabs, Incude (Iniciativas Culturais e Deportivas universitarias), e un taller de papiroflexia.
As numerosas propostas deste ano inclúen proxectos tecnolóxicos, como unha man robótica feita con materiais caseiros; un robot filtrador de plásticos para area; un sensor de humidade feito con transistores, ou xoguetes eléctricos con materiais reciclados. Tamén haberá actividades de extracción de ADN, experiencias para mostrar os efectos da choiva aceda sobre as pedras dos monumentos, reaccións químicas que parecen trucos de maxia e unha gran variedade de experiencias e xogos sobre bioloxía, botánica, física e outras disciplinas científicas. Nesta edición contarase tamén coa participación do alumnado da Escola Infantil de Monte Alto, que levarán a cabo unha representación a grande escala do firmamento, para invitar os máis pequenos a descubrir as estrelas, planetas e constelacións.
Xunto ao alumnado de todos os niveis educativos tamén participan profesionais da investigación e a divulgación, que presentarán un diverso programa de contidos científicos para toda a cidadanía nos postos da Cátedra Emalcsa-UDC co seu programa de divulgación COAWA.
A lista de entidades colaboradoras tamén inclúe a Facultade de Ciencias da UDC, a Escola de Enxeñaría de Camiños da Universidade da Coruña, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Investigación en TIC (CITIC), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC, o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), o Servizo Municipal de Educación da Coruña e a
Asociación Luzada da Facultade de Física da USC.
Xornada de portas abertas nos Museos Científicos
Os Museos Científicos Coruñeses celebrarán este día cunha xornada de portas abertas nos seus tres centros, a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, en horario das 10.00 ás 19.00 horas (último acceso ás 18.00 horas no Aquarium, ás 18.30 horas na Casa das Ciencias e Domus). A visita ás salas de exposición da Casa das Ciencias será libre, sen reserva previa, pero para asistir a unha sesión de Planetario hai que retirar invitacións, que estarán dispoñibles a partir das 9.00 horas do 8 de maio neste enderezo.
A visita á Domus será libre, sen reserva previa, pero o acceso á MiniDomus, o novo espazo para nenos e nenas de ata 6 anos acompañados de, polo menos, unha persoa adulta, esixirá realizar unha reserva previa que poderá facerse desde as 9.00 horas do 6 de maio neste enderezo. Para visitar o Aquarium Finisterrae será imprescindible realizar unha reserva de entradas, que poderá facerse cun máximo de 3 días de antelación neste enderezo. Para facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva.

