O Concello reforza o plan de accións de mellora na Sardiñeira, coa creación dun novo acceso peonil ao instituto do barrio desde a avenida de Arteixo

Redacción

Os traballos comezaron hoxe e permitirán sumar un percorrido accesible e seguro á parte traseira do IES. A construción da senda aparellará a instalación de iluminación e a plantación de novas árbores

Tras a construción e apertura da nova vía de dobre sentido da Agra dos Mallos, o Concello avanza co seu plan de accións de mellora na contorna da Sardiñeira, onde hoxe comezarán os traballos para crear un novo acceso ao IES do barrio desde a avenida de Arteixo.

A creación deste acceso, inexistente ata agora, formulouse co obxectivo de que o alumnado do centro educativo dispoña dun percorrido seguro, accesible e conectado coa porta traseira do instituto, que conta co seu acceso principal na avenida da Sardiñeira.

Esta medida non só lle evita rodeos á rapazada, senón que diminúe o risco de caídas e accidentes das alumnas e alumnos, que en moitos casos acceden ás inmediacións do IES a través do espazo que hai entre o pavillón polideportivo da Sardiñeira e a avenida de Arteixo, cruzando a superficie de estacionamento próxima e tamén terreos marcados pola súa irregularidade e densa vexetación.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, fixo fincapé na importancia desta actuación, que inclúe a construción dun novo camiño de dous metros de ancho, pavimentado con xabre-cemento, entre a avenida de Arteixo e a porta situada no valado perimetral do IES da Sardiñeira.

A intervención suporá, ademais, un reforzo da iluminación ao longo da senda, onde se instalarán varios báculos con luminarias led, así como tarefas de axardinamento entre o camiño e muro de formigón do instituto. Esta medida incluirá tamén a plantación de catro novas árbores: dous exemplares de Metasequoia e outros tantos de Quercus palustris.
“O Goberno de Inés Rey está comprometido coa adaptación e mellora dos camiños escolares. No caso desta senda, a súa construción chega tras meses de traballos na vía da Agra dos Mallos. Aproveitando que estivemos en contacto permanente co persoal do centro educativo no contexto destas obras, escoitamos tamén as súas necesidades e abrimos camiño a esta iniciativa, fundamental para o IES e o seu alumnado”, explicou Díaz, que agradeceu a axuda e espírito de colaboración do persoal directivo do instituto da Sardiñeira.

Comparte este artigo