O Concello retoma a xornada de Baile Verbena dentro do seu programa de Envellecemento Activo

Redacción

· Será o sábado 21 de novembro, de 17.30 a 21.30 horas, no Polideportivo de Guísamo.

· As inscricións poderanse facer os días 12 e 13 de novembro no teléfono 610 975 065 e as prazas son limitadas.

· O goberno local quere recuperar esta iniciativa para responder á demanda das persoas usuarias do programa de Envellecemento Activo

O Concello de Bergondo, a través do Departamento de Servizos Sociais e dentro do Programa Municipal de Envellecemento Activo, organiza unha xornada de Baile Verbena dirixida ás persoas maiores de 55 anos do municipio. Terá lugar o sábado 21 de novembro, no Polideportivo de Guísamo, de 17.30 a 21.30 horas.

A iniciativa, que o goberno local decidiu retomar despois de varios anos sen celebrarse, respondendo así á demanda das persoas usuarias do programa de Envellecemento Activo, busca ofrecer un espazo de encontro e diversión no que a música e o baile sirvan para fomentar o benestar, as relacións sociais e un envellecemento activo e saudable, alén de axudar a combater a soidade non desexada.

La tarde comezará coa apertura do recinto a las 17.30 horas, seguida dunha merenda e do baile verbena, que estará amenizado polo Dúo Karamba. Non é necesario saber bailar nin acudir en parella: pódese participar tanto de forma individual como acompañado de amizades ou familiares.

Para facilitar a asistencia, a organización dispoñerá de transporte para as persoas que o soliciten, de modo que as dificultades de desprazamento entre parroquias non sexan un impedimento para participar.

As inscricións deberán realizarse os días 12 e 13 de novembro, en horario de 8.00 a 20.00 horas, no teléfono 610 975 065. Ao tratarse de prazas limitadas, a organización lembra a importancia de respectar o prazo para poder organizar adecuadamente a merenda e o transporte.

Desde o goberno local destacan que este tipo de actividades contribúen a construír un municipio máis inclusivo e participativo, onde as persoas maiores teñan oportunidades para relacionarse e desfrutar do seu tempo libre.

Comparte este artigo