Desde a Alcaldía préstase especial atención a un proxecto estratéxico e rexenerador do barrio de Bandourrío
Nos últimos días tamén se adxudicou o topográfico e o plan director operativo
O goberno municipal de Ribeira continúa traballando na execución do PAI-EDIL que pon o foco no barrio de Bandourrío. O investimento público será de 10.912.880 euros, que asumirá nun 60% a Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Na semana pasada comezaron os traballos do estudo xeotécnico e campaña inicial de recoñecemento do terreo con especial atención á viabilidade técnica do futuro aparcamento disuasorio subterráneo. O dito estudo ten carácter previo e servirá como documento técnico de apoio para a toma de decisións iniciais, a definición da imaxe obxectivo, a programación operativa da actuación e a preparación da futura licitación do proxecto técnico.
O ámbito de actuación deste xeotécnico é a praza de Pontevedra, a contorna do antigo Auditorio municipal, a área prevista para o aparcamento disuasorio subterráneo, o borde de conexión co parque de Pedra Pateira, as zonas de posible implantación de ramplas ou accesos e a contorna inmediata afectada por futuras escavacións, contencións ou cambios de rasante. Trátase, polo tanto, de coñecer polo miúdo o estado do terreo para a construción dese aparcamento subterráneo e que o deseño vaia en consonancia co proxecto que se ten contemplado para Bandourrío de espazo diáfano, homoxéneo e conectado co mar.
Topográfico e plan director operativo
Os seguintes pasos a dar serán o estudo topográfico e o plan director para que a infraestrutura plantexada conte cos servizos necesarios como subministro eléctrico, abastecemento e saneamento e tendo en conta a realidade actual e levar tódolos datos extraídos aos planos de cara a redacción do proxecto que saia a licitación.
Busca de cofinanciación para a PAI-EDIL
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, fai fincapé na busca de cofinanciación que se fará dende o Concello para “un proxecto estratéxico e rexenerador do barrio de Bandourrío.” De feito, este tema abordarase no Pleno ordinario do mes de setembro no que se debaterá a aprobación da solicitude de acceso a liña de préstamos sen intereses a favor dos concellos de Galicia para o financiamento da achega municipal correspondente aos PAI-EDIL.
Esta solicitude tradúcese en 2 millóns de euros que axuden a sufragar a cofinanciación dun proxecto estratéxico para o municipio ribeirense, tanto na súa dimensión urbanística como económica e social, coa vantaxe do gran aforro que supón o importe de xuros para as arcas municipais.

