Os colexios tamén participarán cunha serie de clases
A posta en marcha do novo curso fai que o Concello de Ribeira tamén active iniciativas coas que ofrecer alternativas de lecer á cidadanía, nesta ocasión, a través do baile da man de Taller Alecrín, segundo deron a coñecer a concelleira de Cultura, Ana Barreiro; a súa homóloga de Educación, Nucha Brión; e Francisco Muñiz e Lola López, en representación da referida entidade.
O programa de cursos de baile social de iniciación e perfeccionamento para parellas (unha mestura de ritmos clásicos como tango arxentino e swing ata ritmos latinos e tropicais como chacha-chá, bachata e kizomba) e linedance de iniciación, perfeccionamento e deportivo para singles (cun percorrido polo mundo do baile dende o swing e a polka ata o disco e o funky, pasando pola bachata e a kizomba) desenvolverase nos mércores, no centro social de Carreira, e nos sábados, no Conservatorio de Música, de outubro de 2026 a xuño de 2027. Este programa une socialización e movemento orientado ao público adulto na procura de mellorar a condición física e mental. No centro social de Carreira, o linedance de iniciación será de 19.30 a 20.30 horas; o linedance de perfeccionamento, de 20.30 a 21.30 horas; e o baile social de iniciación, de 21.30 a 22.30 horas. No que respecta ao horario para o Conservatorio de Música, o linedance de iniciación será de 18.30 a 19.30 horas; o linedance de perfeccionamento, de 19.30 a 20.30 horas; o linedance deportivo, de 20.30 a 21.30 horas; e o baile social intermedio, de 21.30 a 22.30 horas. A información e reservas farase a través do teléfono de contacto 698 150 432.
A maiores, os escolares de 4º de Primaria dos colexios de Carreira, Frións, Artes, Palmeira e O Grupo participarán de novembro a decembro nunha serie de clases nas modalidades de baile estándar (valse inglés e valse vienés) e latino (rumba e cha-cha-chá), así como un simulacro de competición. O programa abrangue unha unidade de tres sesións a impartir nas aulas de Educación Física como parte da programación da materia en relación coa expresión corporal e o ritmo.
De consolidarse neste ano académico, ampliarase nun futuro a 5º e 6º curso.

