A memorable charla pronunciada polo maxistrado Martín Pallín —nado na Coruña en 1936, pouco antes do golpe militar, como lle gusta lembrar— serviu para facer un completo diagnóstico da relación entre xustiza e política na España actual. Foi na presentación do seu libro “Visto para sentencia. Jueces e ideología en la Justicia española” (Siglo XXI Editores).
Co Teatro das Torres a rebentar, comparecían en animada charla e acompañando ao maxistrado, a xornalista Isabel Bravo e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane. Ambos manifestáronse encantados pola aportación de Pallín nunha sesión que constituía toda unha lección sobre a Xustiza española desde a sabedoría progresista dun xuíz ao que ninguén foi quen de calar.
As preguntas de Bravo incidían no fío argumental de todos os procesos que na actualidade xiran en torno á política, co claro obxectivo de eliminar ao goberno progresista, co acelerón que se producía o 23 de xullo de 2023 cando contra o prognóstico do tándem PP-VOX, os números non lles daban para gobernar.
“Os xuñices teñen un poder incontrolado”, dixo Pallín, a quen lle parece un escándalo que calquera xuíz poida entrar na sede do poder executivo para preguntar pola esposa do presidente do Goberno e preguntarlle ao propio Pedro Sánchez se é o marido de Begoña Gómez, dixo en plan socarrón.
Remontouse nas súas explicacións a condena a Juan María Atutxa, presidente do Parlamento Vasco, por non disolver un grupo parlamentar en 2008, condena que foi anulada en 2017 polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. A partir de aí repasou a relación entre a Xustiza e o independentismo catalán.
Unha explicación xenérica do que acontece foi a resposta á observación de Isabel Bravo sobre se se trataba ou non dunha estratexia: dos 5.000 xuíces de España, están integrados nalgunha asociación 3.500, dos que 1.500 forman parte da conservadora Asociación Profesional da Xudicatura, —“coma se os demais non fósemos profesionais”, dixo Pallín—. Ese é o caldo de cultivo do que acontece na actualidade: a existencia dun bloque monolítico centrado en defender posicións de dereitas.
Puxo como exemplo o caso de Podemos, Pablo Iglesias e a súa familia, atacado por todas partes e ao final con todas as denuncias arquivadas, mentres tiña lugar un xuízo mediático que cercenou todas as expectativas políticas do partido.
O irmán do presidente, a súa esposa, o informe que trata de emporcar ao ex presidente José Luis Rodríguez Zapatero, o caso Leire… todos mereceron un repaso intelixente e incisivo.
O alcalde García Seoane agradeceu inmensamente o detalle de vir presentar o libro a Santa Cruz e dixo que Oleiros sempre será o fogar de quen se achega aquí coa boa vontade de mudar o mundo para ben. Tamén compartiu a tese de que esta campaña é un intento organizado de tomar o poder por métodos antidemocráticos.

